Arrancan as celebracións polos 25 anos da Asociación de Amigos de Valle-Inclán
VILANOVA DE AROUSA
Este xoves presentaranse no Museo de Pontevedra os dous números de «Cuadrante, revista semestral de estudos valleinclanianos e históricos»
04 feb 2025 . Actualizado a las 17:03 h.Despois de que na década dos vinte e dos trinta do século pasado naceran en Madrid dúas asociacións denominadas Amigos de Valle-Inclán, no 1999 xurdiu en Vilanova de Arousa, concello do que é oriúndo o escritor, o terceiro colectivo. «Foi un tempo dedicado a arremangarse intelectualmente: consultar arquivos, procurar documentación, navegar por un mar de actas e papeis para separaren o gran da palla, a verdade histórica da invención abxecta. Ademais da asociación, como instrumento para facer públicos os resultados das investigacións, creouse unha revista: Cuadrante, revista semestral de estudos valleinclanianos e históricos», destacan en A chispa que prendeu o lume da Asociación de Amigos de Valle-Inclán e mais da revista Cuadrante, publicación que alcanza xa o medio cento de volumes publicados.
Posteriormente, a revista abriuse a «novas escritas, investigacións, contextualizacións...» para «afondar, non só na historia e na literatura de don Ramón, senón explicar polo miúdo todo canto con el poida relacionarse».
Aniversario
Este xoves, co gallo de conmemorar os vinte e cinco anos da fundación da Asociación de Amigos de Valle-Inclán e mais os cincuenta números da revista Cuadrante, que deron cabida a máis de 350 artigos asinados por máis dun centenar e medio de figuras máis sobranceiras en diferentes ámbitos, o Edificio Castelao do Museo de Pontevedra acollerá, a partires das 19 horas, do inicio da andaina dos actos conmemorativos deste aniversario. A elección deste emprazamento non é casual, toda vez que a cidade do Lérez «trátase dunha vila dabondo ligada á biografía de don Ramón. Por exemplo, ademais de ter vivido aquí os anos da súa primeira formación, foi en Pontevedra onde tirou do prelo o seu primeiro libro, Femeninas», destacou Álvaro Lago, xefe de redacción, xunto a Pablo Landín, de Cuadrante, revista semestral de estudos valleinclanianos e históricos.
Deste xeito, no transcurso deste acto presentaranse os números 48 e 49 desta publicación nun acto aberto ao público ata completar o aforo. Está prevista a participación, ademais dos dous xefes de redacción da revista, do presidente da Asociación de Amigos de Valle-Inclán, José María Paz Gago.