Vilanova acolle un curso gratuíto de márketing e comercio internacional

La Voz VILANOVA

VILANOVA DE AROUSA

Martina Miser

Empezará o día 24 no CDL situado en Vista Real e aínda quedan prazas libres

11 feb 2025 . Actualizado a las 10:02 h.

O vindeiro 24 de febreiro comezará no Centro de Desenvolvemento Local (CDL) de Vilanova de Arousa un novo curso de «Márketing e comercio internacional» cunha duración de 768 horas, de carácter gratuíto e os alumnos participantes poderán cobrar dietas de desprazamento, conciliación e outros conceptos ata unha cantidade próxima aos 300 euros ao mes. O curso impartirase de 9 a 14.30 horas e rematará o 15 de setembro.

Entre o seu contido destaca a formación en sistemas de información de mercados, investigación, recollida, tratamento e análise de información de mercados, márketing-mix internacional, políticas de márketing internacional, negociación e compravenda internacional, información e xestión operativa da compravenda internacional, ademais de inglés e alemán adaptado ao comercio internacional. Polo seu extenso e completo contido, o nivel académico e experiencia do seu docente, profesor na Universidade de Santiago de Compostela, este curso é equivalente a un máster de posgrao universitario.

O curso, promovido polo Concello de Vilanova de Arousa e subvencionado pola Consellería de Emprego e o Fondo Social Europeo, conta cunha elevada porcentaxe de inserción laboral nas numerosas empresas da comarca que comercializan os seus produtos a nivel internacional e que precisan de técnicos especialistas na materia, segundo informa o CDL.

Esta oferta formativa está dirixida a desempregados inscritos no Servizos Público de Emprego, autónomos e traballadores por conta allea sempre que o seu horario laboral sexa compatible co do curso, que teñan o título de Bacharelato, ciclo medio de FP ou proba de acceso para maiores de 25 anos.

Os interesados en participar neste curso poden inscribirse enviando os seus datos persoais (nome e apelidos, dirección e teléfono de contacto) ao correo javier.pineiro@vilanovadearousa.gal.