A Feira de Oportunidades de Vilanova adáptase ao público

maría santamaría / R. E. VILANOVA / LA VOZ

VILANOVA DE AROUSA

Martina Miser

O evento terá lugar no primeiro fin de semana de agosto

25 jul 2025 . Actualizado a las 19:17 h.

No primeiro fin de semana de agosto, Vilanova de Arousa converterase nun potente centro de ocio e comercio. A edición número 21 da Feira de Oportunidades coincidirá coa Festa do Berberecho e Mexillón e as celebracións do Carme.

Esta actividade celebrarase o 8, 9 e 10 de agosto na praza do Concello, xunto ó Xardín de Umbrío e este ano introdúcese unha novidade: o horario partido. Isto débese a que os visitantes e compradores da feira reclamaban un peche máis tardío dos postos para poder conciliar actividades de praia, visitas turísticas e o comercio. No horario desta nova edición do evento, os postos abrirán todos os días ás dez da mañá, pero dende as 14.30 horas ata as catro e media farán un parón, desta forma non pecharán o posto ata ás once da noite.

Variedade e calidade

O obxectivo da iniciativa é fomentar a compra local, apoiar a continuidade de pequenas e medianas empresas da zona, atraer visitantes e ofrecer aos compradores produtos de calidade a prezos competitivos. É por iso que nos máis de 20 postos dispoñibles, os máis curiosos poderán comprar moda de home, muller e infantil, calzado, complementos, decoración, produtos de xardinería, xoguetes e regalos varios.

Tralo éxito da anterior edición, este ano volven a instalar unha zona de conciliación familiar, lugar onde os máis pequenos participarán en actividades lúdicas acompañados de profesionais, facilitando que as familias fagan as súas compras. Para facer uso deste espazo é necesario inscribirse con anterioridade, xa que hai un límite de prazas para garantir a atención dos rapaces.

Dende a organización estiman unha afluencia de entre 5.000 e 7.000 visitantes, que producirán un volume de venda de ata cen mil euros. O tráfico da zona tamén aumentará nun 40 % no centro da vila, polo que convén achegarse a Vilanova con algo de anterioridade.

Na presentación da Feira de Oportunidades a Dirección Xeral de Comercio, colaboradora do evento, destaca a importancia de mellorar a competitividade e modernidade do comercio local e pretende favorecer iniciativas visibilizadoras como esta.