Barbantia reivindica a valía literaria de María Mariño

Sara Ares CORRESPONSAL | NOIA

BARBANZA

LEMA

A pé de rúa O colectivo promove unhas xornadas sobre a autora en Boiro e Noia

27 may 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

Co gallo do 99 aniversario do nacemento da escritora noiesa María Mariño, que se conmemora este ano, a asociación cultural Barbantia decidiu organizar un ciclo de actividades. Con estas xornadas, o colectivo que preside Antón Riveiro Coello busca espallar a aportación da escritora á literatura galega e poñer de manifesto as súas cualidades para compoñer versos. A iniciativa cobrará forma entre os días 8 e 10 de xuño e os escenarios elixidos para levala a cabo son a casa da cultura noiesa e o centro social boirense. Nas dúas localidades viviu María Mariño coa súa familia na primeira etapa da súa biografía. Barbantia conta, para o desenrolo deste seminario, coa colaboración dos concellos de Noia e Boiro, e tamén co apoio do centro comercial aberto Noia Histórica. Ademais, cabe destacar que a Consellería de Educación accedeu a homologar este ciclo de actos. A primeira parada terá lugar, o día 8, na casa da cultura Avilés de Taramancos, ás oito e media do serán. Nestas dependencias, o escritor e profesor Anxo Angueira pronunciará unha conferencia que leva por título Unha lectura de María Mariño . Logo da súa intervención, falará a poetisa e ensaísta María do Cebreiro, coa ponencia Autoría, biografismo e falacia intelectual na lírica moderna , posta en relación coa traxectoria da autora homenaxeada. Tamén na vila noiesa, o 9, Maite Martín Barrenechea viaxará ao pasado para lembrar como era a súa tía María Mariño, tamén coñecida como A Fiscala . A segunda sesión das xornadas incluirá, ademais, un retrato da creadora de Palabra no tempo , que se encargarán de compoñer o historiador Xerardo Agrafoxo e o fotógrafo Suso Xogaina, coa axuda de textos e imaxes. Estas dúas últimas iniciativas empezarán ás oito e media do serán. Todas as persoas interesadas en asistir ás actividades programadas poderán inscribirse na casa da cultura de Noia ata o mesmo día en que comezan as xornadas. A participación é gratuíta. Barbantia agarda que se sumen ao seminario o maior número posible de veciños.