Dous autores reivindican o 17 de maio do 2007 para Mariño

Sara Ares CORRESPONSAL | NOIA

BARBANZA

LEMA

Reportaxe | Homenaxe a unha voz esquecida Anxo Angueira e María do Cebreiro abriron as xornadas organizadas por Barbantia con motivo do 99 aniversario do nacemento da creadora de «Palabra no tempo»

09 jun 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

Que a Real Academia Galega lle adique o 17 de maio do próximo ano á poetisa noiesa María Mariño foi o desexo que pediron os escritores Anxo Angueira e María do Cebreiro na apertura, o xoves en Noia, das xornadas adicadas á autora de Palabra no tempo . Unha reivindicación feita en voz alta á que tamén se sumou o historiador Xerardo Agrafoxo, encargado da presentación deste acto. A entidade cultural Barbantia, en colaboración cos concellos de Boiro e Noia e co centro comercial aberto Noia Histórica, impulsa esta homenaxe, que coincide co 99 aniversario do nacemento da escritora que está soterrada en Seoane do Courel. Beatriz Quintela elexiu uns versos do poemario Verba que comenza para lerllos aos asistentes ao coloquio celebrado o xoves. Este libro foi publicado logo da morte de María Mariño, concretamente no ano 1991, por iniciativa do entón concelleiro de Cultura da vila noiesa, Antón Avilés de Taramancos. A Xerardo Agrafoxo tocoulle facer un resumo das traxectorias vitais, e sobre todo, no eido da literatura, dos dous invitados, Anxo Angueira e María do Cebreiro. Esta última principiou o coloquio cunha documentadísima exposición, adobiada con múltiples referencias a libros e autores de dentro e fóra de Galicia. «Hai descriptivismo en Palabra no tempo , pero non paisaxismo nin costumismo», sentenciou María do Cebreiro, aludindo ao único libro que Mariño publicou en vida. A ensaísta invitada por Barbantia engadiu que en Verba que comenza, María Mariño participa dunha concepción moderna da poesía. «Nese libro, as palabras fan cousas, a autora ve que as cousas somos nós; non lle fixo falta ler a Rilke porque a poesía comunica as verdades dun xeito abrupto», sostivo María do Cebreiro. A escritora defendeu, tamén, que a rima opera como costura na poesía da homenaxeada. Rematou a súa alocución con esta frase: «As poetas escribimos para non ter que dar explicacións». O seu compañeiro de mesa Anxo Angueira lembrou que foi Avilés quen lle regalou un exemplar de Verba que comenza : «Gárdoo na miña casa como unha auténtica xoia». O profesor iniciou a súa intervención facendo un alegato en contra de quenes cuestionan a valía de Mariño. «Con ela, un perde pé», dixo. O tamén escritor recoñeceu que tiña conexións literarias con Novoneyra, pero negou que o imitara, como sosteñen moitos investigadores. «María Mariño non facía poesía popular, como tampouco Rosalía de Castro era ruralista», afirmou Anxo Angueira noutro intre.