POESÍA «37 poemas por man propia» Un nidio ronsel de escuma, a escuma das palabras. Tomándoas prestadas de Modesto Fraga, un dos 37 poetas presentes neste fermoso volume artesán, que acompaña as palabras impresas das palabras manuscritas de cada poeta. Palabras que se converten en imaxe, que son máis que significado, son un significante que estoupa nos ollos do lector. Nesta escolma varias son as voces do Barbanza, de María Xosé Canitrot a Eva Veiga, pasando por Ramón Blanco, Fernando Lavandeira, «un exvoto de palabras e ritos húmidos», López Marqués, «os poetas cantan himnos vizosos na procura das luzadas», Lôpez Rodrigues, na «turbamulta escoando silencio», Antonio Piñeiro, o editor, Riveiro Coello, «tránsitos de pedra nas ausencias», Manuel Teira, «territorios de luzadas brancas». Ao seu carón voces maiores da poesía galega: Álvarez Cáccamo, nun «vaso de auga rosa», García-Bodaño, Helena Villar, «na defensa do oficio que herdou dos devanceiros». Con eles os sons de poetas novos: Suso Bahamonde, Blanco Valdés, Estevo Creus, Marta Dacosta, «sempre na procura de algo incerto», Antón Dobao, Eduardo Estévez, Estíbaliz Espinosa, Fernández Sanmartín, Raúl Gómez Pato, «en auga da chuvia en vento», María Lado, Xulio Varcárcel, A. Nerium, Carlos Negro, Xesús Rábade, «no alento dos poetas», María do Cebreiro, «as mulleres escriben», H. Rabuñal, Baldo Ramos, Manuel Seixas, Sechu Sende, Xavier Seoane, «a saudade é xa infinita», Paco Souto, Vázquez Pintor, Miro e Rafa Villar.