Arousa Norte lanza unha ofensiva turística na Internet

Ana Gerpe Varela
A. Gerpe RIBEIRA

BARBANZA

CORRAL

Promociona a súa web para captar visitantes en temporada baixa A entidade insta aos cidadáns a que fagan suxestións para mellorar a imaxe da bisbarra

03 nov 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

?rousa Norte encamiña parte dos seus esforzos actuais a conseguir que a comarca tamén reciba turistas en tempada baixa e non só durante os meses de verán, como ocorre na actualidade. Con este propósito, e considerando que o maior e máis rápido sistema de chegar a calquera lugar é Internet, os xerentes da entidade lanzaron unha auténtica ofensiva na Rede, consistente en divulgar a web, www.arousa-norte.es, que, por outra banda, foi galardoada co primeiro premio á páxina institucional en Ferpalia. Os responsables desta estratexia subliñan que é necesario informar, á vez que atraer á xente á páxina, para que, deste xeito, poidan coñecer o que lles ofrece a bisbarra incluso antes de visitala. A web proporciona aos potenciais turistas a posibilidade de conseguir teléfonos dos aloxamentos barbanceses, saber que actividades de ocio poderán desenrolar e con que empresas, e facerse unha idea dos elementos paisaxísticos e culturais que terán a oportunidade de ver unha vez se atopen na zona. Recursos atraentes Por este motivo, a páxina inclúe gran número de fotografías, incluso panorámicas, unha axenda de actos e, como non, un mapa no que o internauta pode escoller entre diferentes opcións para seleccionar o que máis lle interesa. Á hora de captar visitantes, Arousa Norte pensa de xeito especial na importancia de contar con recursos atraentes. Por este motivo, na web pódese atopar facilmente información sobre o estuario do río Coroño, a fervenza de Cadarnoxo, as piscinas naturais do río Pedras ou o parque natural de Corrubedo. Colaboración Sen embargo, a mancomunidade non quere abordar en solitario o traballo de difundir a beleza e os recursos barbanceses, tamén quere contar coa colaboración dos cidadáns. Arousa Norte insta aos veciños a que fagan as súas aportacións ou opinen sobre a web para mellorar a imaxe da comarca. De feito, os xerentes da entidade aseguran que a páxina debe ser coñecida, en primeiro lugar, polos propios habitantes da zona e que estes sexan os primeiros en promocionar turisticamente o lugar no que residen.