Arousa Norte deseña un plan para revalorizar a serra a través da arte

María Xosé Blanco Giráldez
M. X. Blanco RIBEIRA

BARBANZA

SIMÓN BALVÍS

Pretende que os novos talentos plasmen no medio natural as súas creacións O proxecto está pensado para recuperar as rutas de sendeirismo danadas polos lumes

23 dic 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

Entre as actuacións que a mancomunidade levou a cabo no marco do plan de dinamización turística atópase a sinalización de cinco rutas de sendeirismo que percorren os catro municipios da comarca barbancesa. O atractivo de parte destes sendeiros quedou notablemente mermado cos incendios que asolaron a zona o pasado verán e Arousa Norte tenta agora revalorizar estas paraxes dalgún xeito. A idea que ten máis visos de materializarse consiste en aproveitar artisticamente estes espazos naturais. O proxecto no que está a traballar a xerencia da mancomunidade, e que conta xa co visto bo dos catro alcaldes, consiste en buscar a colaboración dos novos creadores existentes en Barbanza para que plasmen dalgún xeito a súa obra na serra e contribúan así a ofrecer un produto turístico innovador. Aínda que de momento é unha idea á que aínda se lle está a dar forma, a intención de Arousa Norte é sacarlle rendemento ao investimento que se fixo para acondicionar e sinalizar cinco rutas de sendeirismo. A deseñada en Ribeira percorre os xacementos arqueolóxicos máis destacados e o parque natural de Corrubedo, a da Pobra segue o curso de río Pedras, a de Boiro atravesa a serra e a de Rianxo discorre polo monte Muralla. A quinta ruta enlaza todas as anteriores. O principal atractivo destes sendeiros era a beleza das paisaxes que podían contemplarse ao percorrelos, pero moitos destes paraxes quedaron arrasados polo lume e a situación que presentan dista moito de ser a idónea para chamar a atención dos turistas. Lonxe de retirar a oferta destas rutas, a mancomunidade pretende darlles un pulo, iso si, cambiando a súa orientación. O obxectivo é cambiar o atractivo natural polo artístico. Para conseguilo, Arousa Norte pretende involucrar a un bo número de veciños. A fórmula elixida para fomentar a participación cidadá consiste na elaboración dun biomaping , un proxecto que ten como finalidade deseñar un mapa das intervencións artísticas que se poden levar a cabo en cada zona da serra a partir das emocións que eses puntos espertan nos visitantes. Do que se trata é de que un grupo de turistas percorran as rutas de sendeirismo dotados dunha ferramenta capaz de rexistrar as sensacións que cada lugar xera no corpo humano. Unha vez que estea elaborado o mapa, Arousa Norte encargarlle á rede comarcal de novos creadores a realización de diversas representacións contemporáneas. A mancomunidade está convencida de que só a innovadora metodoloxía que se empregará para desenvolver este proxecto contribuirá a promocionar turisticamente a zona. Por iso, o obxectivo é organizar un obradoiro de tres días de duración, que arrancará coa presentación pública da iniciativa. A segunda xornada dedicaríase á realización do traballo de campo e a terceira, á posta en común dos resultados. Para que a idea teña a máxima difusión posible, a intención de Arousa Norte e dar conta de todo o proceso a través de Internet e dos medios de comunicación.