María do Cebreiro afondou na súa poesía na vila de Rianxo

Ramón Ares Noal
X. Noal RIBEIRA

BARBANZA

SIMÓN BALVÍS

Crónica | Presentación de Barbantia A autora do libro de poemas «Os hemisferios» presentou esta obra nun escenario que non lle era alleo e ao que se sente moi vinculada, segundo confesou no acto de Barbantia

27 ene 2007 . Actualizado a las 06:00 h.

A Asociación Cultural Barbantia escolleu Rianxo para empezar as citas cos últimos venres de cada mes que vai haber ao longo do 2007. É a terra de Dieste, Castelao e Manoel Antonio terreo amigo onde se atopan a gusto os integrantes da entidade. E o venres, a pesares da friaxe coa que o nordés pegaba ás portas do Cuartel Vello, o encontro estivo animado pola presenza de dous autores, aos que Xosé Ricardo Losada situou na vangarda da poesía galega: María do Cebreiro e Paulino Vázquez. Falaron os dous escritores de poesía, pero da poesía que crea a compostelá, e máis concretamente a do libro Os hemisferios , que era o que se presentaba no acto e no que deixou algunhas sinaturas ao remate da presentación. Expuxo Paulino Vázquez as súas conclusión sobre a poesía de María do Cebreiro, da que dixo que é unha das poucas autoras completas que hai na literatura galega, e referíase concretamente á súa capacidade para traballar todos os xéneros. Sinalou o poeta que a escrita da súa colega é un revulsivo e que ela marca diferenzas na súa xeración, pero para ben. Sobre Os hemisferios , Vázquez dixo que está na liña das outras obras da mesma autora: «Entra na liña poética desas grandes obras que fan os escritores. No seu estilo, acostuma a fender. Dedica os libros aos fuxidos, como aos zurdos, ponse sempre en contra de algo. A poesía de María é o coñecemento, utiliza os poemas como o desvelamento de algo». Sobre a obra ensaística da escritora de Compostela, asegurou: «Desbórdame. Ten un estilo non moi usual na literatura galega». Paulino Vázquez volveu de novo ao poemario que se presentaba, para cualificalo de libro amoroso, como as cantigas de amigo: «María dramatiza o poema, é a historia dunha sedución. Este libro é amoroso e arriscado», apuntou o escritor antes de convidar aos presentes a ler as poesías da obra.