Ribeira pon en marcha unha actividade para os avós

Luisa Gutiérrez

BARBANZA

CARMELA QUEIJEIRO

A iniciativa está enmarcada no programa Naturocio O Concello organiza unha excursión á illa de Sálvora para fomentar as relacións entre os maiores e xoves do municipio

13 jun 2007 . Actualizado a las 07:00 h.

O Concello de Ribeira abriu onte o prazo para unha actividade destinada aos avós e netos do municipio, que se enmarca no programa Naturocio. A iniciativa consiste nun cruceiro pola costa e unha visita á illa de Sálvora. A excursión foi presentada polos concelleiros de Turismo, Antonio Teira; Igualdade, Esther Patiño; Medio Ambiente, Elvira Pereira, e Cultura, Luciano Fernández na casa consistorial. Teira destacou que o obxectivo principal que se persegue con esta proposta é «fomentar e poñer en valor o patrimonio paisaxístico, medioambiental, turístico e cultural da zona. Queremos transmitir a memoria dos nosos avós aos xoves para consolidar a cultura e tradicións do noso pobo», afirmou o concelleiro. Antonio Teira apuntou: «É unha viaxe para enriquecer as relacións interpersoais entre xoves e maiores». Na actividade poderán participar todos os avós de Ribeira co seu neto ata cubrir as cen prazas reservadas no catamarán. «Se non se cubre todo o aforo poderán apuntarse outros familiares e xentes da zona», explicou o responsable de Turismo ribeirense. Itinerario As datas nas que se vai realizar a actividade son o 29 e 30 de xuño. Os asistentes deberán apuntarse cun mínimo de catro días de antelación á saída, que se efectuará desde o club Náutico de Ribeira con destino á illa de Sálvora. Alí farase unha visita ao faro, onde se poderá divisar os baixos da Pegar, lugar no que se afundiu o Santa Isabel en 1921. A comida correrá a cargo de cada participante; sobre as 19.00 horas se estima que sexa o regreso ao porto de Santa Uxía. O prezo da viaxe é de 10 euros por avó e neto, para apuntarse os interesados deberán acudir ao departamento de Servizos Sociais do Concello. Pero esta non é a única actividade que se organiza no marco do programa Naturocio. Ao redor de 45 persoas maiores do municipio visitarán hoxe o Museo do Mar de Rianxo, o castro de Neixón e o Centro Arqueolóxico de Barbanza, entre outras actividades. A excursión partira esta mañá, ás 10.00, da estación de autobuses da cidade.