Escaparate de creadores

Luisa Gutiérrez

BARBANZA

A casa da cultura pobrense acolle unha mostra dos artistas galegos máis representativos do século XX

04 ago 2007 . Actualizado a las 02:00 h.

ribeira | A casa da cultura de A Pobra, Raquel Fernández Soler, acolle ata finais do mes de agosto unha exposición inigualable. Trátase dun percorrido histórico pola arte galega do século XX cunha representación dos creadores máis importantes deste tempo, entre os que destaca o barbancés Alfonso Costa. Pero hai tamén nomes como Luis Seoane, Arturo Souto Tino Grandío ou Xosé Barreiro, entre outros. As 20 obras que integran esta colección foron cedidas pola Fundación Feima, unha entidade con sede en Madrid que se dedica á promoción e difusión da arte e a cultura galega.

Á inauguración acudiron a presidenta desta asociación, Marta Rey, e o director artístico Javier Blanco, e foron recibidos pola concelleira de Cultura, Encarna González Montemuiño, e o tenente de alcalde pobrense, Ricardo Lago.

Galeguidade

A edila, González Montemuiño, destacou a labor de mecenado que a fundación leva a cabo dende a capital, e agradeceu ata a saciedade que contaran con A Pobra como unha das poboacións por onde pase a exposición itinerante. «É para nós un orgullo ter una colección de obras dos pintores máis salientados do século XX». E engadiu: «Só podo dicir o mellor desta mostra e pido a todos os habitantes que non perdan esta oportunidade e que veñan a visitar a exposición pois non todos os días se pode ver unha colección deste nivel».

Segundo os expertos esta é unha oportunidade para ver dende obras de autores rexionalistas ata as propostas máis actuais e innovadoras. Ademais, nela pódese observar como foi evolucionando a arte local, marcada dende sempre polo carácter diferenciado do pobo galego.

No acto interveu o director artístico desta fundación, Javier Blanco, quen destacou as directrices que rexen a actividade desta entidade. «Queremos potenciar e divulgar a cultura galega. Nós apoiamos a todo tipo de artistas». Feima naceu pola iniciativa de xente galega afincada en Madrid que tiña un interese común: constituír un espazo na capital para axudar a destacar a artistas galegos que están comezando. «En Madrid tamén hai lugar para os galegos», dixo no final da súa intervención.

Pola súa parte a concelleira destacou a boa relación que o centro cultural mantén coa capital. «A benefactora deste edificio, que leva o seu propio nome, Raquel Fernández Soler, estivo moi arraigada a Madrid. Non sei se a casualidade quere que entre a capital e A Pobra haxa moitos puntos de encontro», manifestou.

Promoción

Á inauguración acudiron cerca de medio centenar de veciños da localidade, que non quixeron perderse a ocasión de ser os primeiros en contemplar as valoradas obras. O tenente de alcalde, Ricardo Lago, eloxiou a importancia e o «orgullo que é para a vila dar cabida a unha serie de cadros desta categoría».

Os representantes de Feima aproveitaron a ocasión para explicar que a entidade ten toda unha serie de becas para apoiar ás distintas iniciativas artísticas para contribuír á causa da asociación. Dende o Concello esperan que este intercambio non sexa o último entre as dúas entidades.