O seminario internacional que se celebra na vila céntrase nesta edición na ciencia da filosofía
15 nov 2007 . Actualizado a las 02:00 h.O presidente da Asociación de Amigos da Universidade Libre Iberoamericana en Galicia (Auliga), Antonio Domínguez Rey, inaugurou onte en Rianxo o octavo Seminario Internacional de Tradución e Poética. Ao longo dos vindeiros días, diferentes especialistas achegaranse ata a vila para participar nos encontros, que este ano teñen á filosofía de transfondo.
Domínguez lembrou que o seminario se enmarca nun proxecto «máis ambicioso», denominado Auliga, que lanzou hai máis dun século o emigrante Gumersindo Bustos, e do que xurdiu a biblioteca América de Santiago de Compostela. A idea fundacional baséase en potenciar a relación con outras comunidades «partindo do bilingüismo galego, orientándose ata Brasil sen afastarse do castelán», explicou.
Estas xornadas buscan, precisamente, fomentar eses contactos, unha idea que «gusta moito pero non é doado de levar a cabo, sobre todo tendo en conta que os políticos non teñen tempo para proxectos de longo alcance». O profesor referiuse tamén ao pensador galego Ángel Amor Ruibal, sobre o que vén de editar un libro, e á súa idea de que «o concepto da tradución pertence á realidade mesma do coñecemento».
Poesía
A continuación, o profesor Ramón Blanco Fernández ofreceu a conferencia A precisión da febre ¿Que traducimos cando lemos poesía?, na que avogou por preguntarse se a poesía vale para algo, co obxectivo de «achegarnos á esencia do feito poético». Considerou que a escritura traduce a fala á lingua escrita e indicou que se pode considerar como un medio para que perdure ou ben como un fin que busca o goce estético.
O octavo Seminario de Tradución e Poética continuou pola tarde coa profesora Esperanza Mariño, que impartiu a charla María Mariño na literatura galega. A poñente destacou a mestura que a escritora facía do galego noiés e o caurelán, característica que redunda «na orixinalidade dunha obra inserida por méritos propios no corpus da rica literatura galega».
Os organizadores leron a continuación o texto Lenguaje humano y fractales da doutora Tesesa Silió, do departamento de Sistemas Informáticos da Escuela Superior Politécnica da Universidad Europea de Madrid. O programa do seminario continuará hoxe ás 10.30 horas co relatorio A filosofía de Platón no Barbanza do século XXI, a cargo de Xosé Ricardo Losada, profesor de filosofía e membro da asociación Barbantia.