Cando Colón chegou a América, a gran duna non era máis que un pequeno montículo na praia de Corrubedo. Cincocentos anos despois, prosegue o seu lento e inexorable camiño terra a dentro.
As dunas litorais constitúen algunhas das máis fermosas manifestacións xeolóxicas da nosa terra. Poden estar cubertas de vexetación ou exhibirse, impúdicas e brillantes baixo o sol do verán. Poden agromar, solitarias e maxestosas, sobre unha chaira varrida polo vento ou poden agruparse en ringleiras formando exércitos impasibles que pechan os esteiros e outorgan acubillo ás aves invernantes. Poden permanecer fixas e inmutables ou desprazarse impelidas polo vento cubrindo todo aquilo que ousa poñérselles por diante.
Pero as dunas son algo máis que montóns de area. Teñen unha historia que contar. A composición química e mineralóxica dos graos de area permítenos inferir os lugares dos que proceden: algúns foron transportados polos ríos desde os altos cumios da serra, outros proceden de achegas sedimentarias mariñas e uns poucos veñen incluso da outra beira da ría.
O estudio ao microscopio da superficie dos graos de area revela os acontecementos sufridos durante o transporte fluvial, eólico e mariño: cada picadura, cada fenda, cada fractura antóllasenos unha páxina desta historia telúrica.
Proceso de formación
Despois do depósito comeza o proceso de formación da duna. Unha estrutura modelada pola acción dos ventos dominantes na que se forman a intervalos regulares algunhas capas de óxido que marcan as liñas de crecemento. Un proceso que vén determinado polas leis da aerodinámica. A area ascende pola cara de barlovento e deposítase na cara de sotavento, debido á perda de enerxía do vento. Así, paseniño, a duna incrementa o seu tamaño ao tempo que avanza.
Baixo o edificio dunar van quedando sepultadas as plantas da chaira, incluso algunhas zonas pantanosas da propia lagoa. Toda esta materia orgánica aparece, centos de anos despois, convertida en turba, negra e compacta, xunto cos fósiles dos desafortunados animaliños que quedaron atrapados durante ventoeiras pretéritas.
E aínda hai máis. Contan que baixo a lagoa repousa unha vella cidade perdida. Contan que, ás veces, escóitanse as badaladas da campá da igrexa asolagada. Contan que a duna agocha un tesouro soterrado. Pois ben, que o contorno máxico de Corrubedo siga evocando por moito tempo aos contadores de cousas, máxicas ou científicas.