Moteiros de Ribeira involúcranse nos proxectos turísticos de Arousa Norte

BARBANZA

18 may 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Conseguir que os veciños de Barbanza coñezan e valoren os recursos patrimoniais cos que conta a zona para que sexan eles os primeiros que fagan promoción da terra entre os visitantes é unha das liñas de actuación nas que está a traballar Arousa Norte. Ao longo do ano pasado levou a cabo unha campaña de sensibilización nos institutos, facéndolle ver aos mozos a gran riqueza da que están rodeados, e onte desenvolveu unha experiencia similar cun grupo de moteiros da peña de Ribeira.

Os afeccionados ao mundo das dúas rodas fixeron unha ruta pola comarca guiados por dúas técnicas de turismo da mancomunidade: Irene Maneiro e Adriana Tubío. O obxectivo principal desta iniciativa era conseguir que os moteiros coñeceran as características dos principais paraxes e elementos patrimoniais da zona co fin de que no futuro poidan transmitirlle toda esta información aos colegas que acudan a Barbanza a concentracións ou simplemente de visita.

A idea partiu do colectivo de moteiros de Ribeira e dende un principio contou co visto bo de Arousa Norte. A primeira parte deste proxecto materializouse onte coa realización dun percorrido que arrancou nunha das zona de Ribeira máis fermosas a nivel paisaxístico: o miradoiro de Pedra da Rá. Dende este punto, o grupo contemplou o parque natural de Corrubedo, ao que despois se desprazou.

A pé por Palmeira

Alí, os moteiros visionaron un vídeo sobre o complexo dunar e as lagoas de Carregal e Vixán, e asistiron a unha lección sobre a cultura megalítica impartida por Irene Maneiro. A vila de Palmeira foi a seguinte parada do colectivo. O porto, que conserva case intacta a forma orixinal correspondente ao século XVIII; o miradoiro do Castelo, que antigamente formaba parte dunha fortaleza; a zona na que durante anos funcionaron as fábricas de salgadura e a igrexa foron algúns dos lugares incluídos nesta primeira parte da ruta, que culminou cun xantar no restaurante pobrense Andoriña.

O percorrido da tarde comezou na Curota, onde Adriana Tubío aproveitou as vistas das bateas que flotan na ría de Arousa para explicarlle ao grupo a importancia de promocionar o mexillón e a cultura mariñeira como elementos diferenciadores de Barbanza.

Ao longo da hora seguinte, os moteiros abandonaron os seus vehículos para percorrer unha parte da ruta de sendeirismo deseñada por Arousa Norte para o municipio da Pobra, concretamente o tramo que discorre dende as piscinas do río Pedras ata a Aldea Vella.

O lugar boirense de Neixón foi a seguinte parada do grupo. Alí os moteiros visitaron o Centro de Interpretación Arqueolóxica do Barbanza e os castros que se atopan nas súas inmediacións. A ruta concluíu na vila rianxeira.

A experiencia foi cualificada como moi positiva polos participantes e tamén polas técnicas de Arousa Norte que exerceron de guías. A intención da mancomunidade é repetila no futuro con outros colectivos de veciños que estean interesados en coñecer os recursos da zona.