Xornadas con historia

Cristina Torres

BARBANZA

Sete días de actividades dedicadas á xeografía e á cultura desenvólvense en Porto do Son ata o domingo

06 ago 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

As sétimas Xornadas de Historia e Cultura en Porto do Son non puideron comezar de mellor xeito. A actividade inaugural foi unha visita ao complexo dunar de Corrubedo, que deixou abraiados aos que a levaron a cabo. Ás dez da mañá partiron nun autobús dende o municipio sonense. En total desprazáronse 36 persoas, a maioría de fóra de Galicia, sobre todo do País Vasco e de Córdoba.

Nada máis chegar, no centro de recepción mostráronlles un vídeo explicativo no que se narraba o proceso de formación das dunas e se detallaban polo miúdo as especies da flora e a fauna propias da zona.

Logo iniciaron a visita á duna grande do complexo. Polo camiño, a guía que os acompañou ensinoulles a distinguir as pegadas dos diferentes animais que habitan o parque, como coellos e xabarís. Tamén lles describiu cada unha das especies de plantas autóctonas do lugar, coma o cardo de Ribeira e a planta de namorar.

Actividade complementaria

Esta actividade é complementaria ás conferencias que terán lugar na casa da cultura sonense todas as tardes desta semana.

Como explica un dos organizadores, Manuel Mariño, «a idea é que a xente coñeza a comarca. As visitas están pensadas para observar en directo o lugar, pero tamén para atraer a aqueles aos que as conferencias lles resultan un tanto pesadas».

O percorrido foi moi gratificante para todos os presentes, sobre todo para os que non coñecían a zona. O único que se botou en falta foi, segundo Mariño, acudir ás lagoas de Carragal e Vixán, pero como el di, «se queremos que as cousas se fagan ben, non daba tempo a todo». A organización ten programadas outras actividades deste tipo para os próximos días que se levarán a cabo polas mañás.

Así, hoxe visitan o antigo almacén sonense de salgadura da familia Ferrer, no que o propio dono fará de guía e explicará o funcionamento do que foi, hai xa máis de cincuenta anos, unha das máis importantes industrias do municipio.

Próximas citas

Para mañá, está planificada unha viaxe en catamarán, que pretende dar a coñecer o concello dende o mar. Por outra banda, o xoves levarase a cabo unha visita ás lagoas de Xuño e Sampedro, cun enfoque similar ao da actividade de onte no complexo dunar de Corrubedo.

O obxectivo das xornadas é consolidar un proxecto que se leva facendo de forma ininterrompida durante seis anos no concello sonense. Ademais, pretenden que tanto a xente do municipio como aqueles que veñen de fóra coñezan a riqueza paisaxística da bisbarra.

Este ano, as xornadas dedícanse a Francisco Javier Río Barja, doutor e catedrático.