De camiño por Carnota

C. Alfaya

BARBANZA

O departamento de Deportes do concello carnotán leva a cabo rutas de sendeirismo todos os xoves

19 ago 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Dar a coñecer a paisaxe diversa de Carnota mentres a xente fai deporte de xeito entretido é o obxectivo que teñen as rutas de sendeirismo que se veñen desenvolvendo no municipio cada xoves dende o mes de xullo.

Este ano, como afirma a técnica de Deportes do concello, Ana Gómez Blanco, «só puidemos realizar catro ou cinco camiñadas debido ao mal tempo que fixo no mes de xullo». A pesar de todo, a iniciativa está tendo moi boa acollida entre os veciños, e tamén entre os turistas, que aproveitan as súas vacacións estivais para sumarse ás rutas como un xeito de facer excursións en familia.

Este verán é a segunda vez que se están levando a cabo as camiñadas. «O ano pasado preparáronse de forma experimental, pero vemos que houbo un incremento da participación», afirma a técnica de Deportes.

Un monitor do departamento encárgase de guiar aos grupos a través do concello e tamén de explicarlles as lendas e as historias que hai arredor dos lugares polos que pasan. «O paseo dura normalmente entre dúas e tres horas», explica Ana Gómez.

¿E que sitios se visitan? O máis habitual é que se vaia por camiños que atravesan o monte Pindo ata o cumio, A Moa. A ruta cámbiase se as persoas anotadas para realizar a camiñada xa fixeron o percorrido. Así, tamén se poden visitar a fervenza do río Xallas ou a aldea de Corneira, coñecida por ter algúns dos edificios antigos mellor conservados da localidade.

A actividade está preparada para acoller a todo tipo de públicos. «Anótase xente de todas as idades. Houbo excursións nas que tivemos nenos de 8 anos e persoas maiores de 74», explica a coordinadora das camiñadas. Así, as rutas tamén se fan tendo en conta as necesidades específicas do grupo que se forma, de xeito que se avisa aos participantes das dificultades que pode ter o traxecto.

Verán deportivo

As rutas de sendeirismo son só un exemplo da multitude de actividades que o Concello organiza ao longo de verán para estimular hábitos de vida saudables entre os veciños. Ademais das camiñadas, desenvolvéronse torneos de tenis, fútbol sala e campamentos urbanos. Tamén está pendente de celebrarse a tradicional carreira de praia que se leva a cabo dende hai 19 anos.