Manuscrito en pedra

Antonio Argibay

BARBANZA

24 abr 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Nos debates posteriores á visita ao castro de Neixón, abordáronse entre un grupo de amigos dous tipos de cuestións; a primeira tentaba indagar sobre o presunto carácter matriarcal da sociedade castrexa. Non houbo acordo, no ambiente flotou unha dúbida xeneralizada ante a carencia de fontes documentais e indicios expresos, pero pareceu imporse por lóxica histórica a idea de que a sociedade devandita sería paradigma dunha estrutura social matriliñal; aínda que hai que recoñecer que a conclusión á que se chega é máis por uso exhaustivo da bibliografía histórica que por indicios que poidan observarse sobre o terreo.

O segundo motivo de debate introduciuno un economista amater, en el refería que o número de habitantes que podería ter Arousa norte e a propia península do Barbanza eran insignificantes en relación á inxente cantidade de recursos naturais que existían. Como consecuencia do anterior, sentou determinados corolarios: o nivel de vida era elevadísimo, iso que os italianos chaman a lotta per la vita non tiña cabida na comunidade castrexa.

Ítem máis, podería asertarse sen rubor que daquela, os aboríxenes terían ultrapasado o adusto reino das necesidades e vivirían encumbrados no deleitoso territorio da liberdade sen adxectivos; aquela na que o ser humano non ten a premiosa chantaxe cotiá de ter que buscarse a vida.

Volvo pola estrada en dirección ao meu domicilio, na lonxanía albisco o monte que acubilla o antigo pobo neolítico de Neixón, sobreimpresionado sobre un solpor de invernía. O asentamento revélaseme escrito nunha linguaxe ilexible, indocta ao coñecemento, como un códice en pedra impenetrable. O pétreo manuscrito leva impresos uns parágrafos que, quen isto escribe, non se atreve a reducir a palabras; a ignorancia do texto fai que o escriba tente suplir coa súa imaxinación tan erma semática.

Postscriptum: Víctor díxome que no asentamento non se conservan cadáveres pola acidez do chan galego. Foi a idea máis iluminadora do día. Se se me permite o argumento dun metafísico anacrónico, tal é o destino que lle agoiro ao home: non vai deixar pegada do seu paso polo mundo, nin como individuo nin como especie.