«Precísanse polo menos 500.000 metros cadrados de solo industrial»

BARBANZA

Leva seis anos no cargo e acaba de revalidalo. O seu principal obxectivo é loitar para que se constrúa o macropolígono e que se mellore a seguridade no de Xarás

01 may 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

José Paz Cadaval é o presidente da Asociación de Empresarios de Ribeira desde hai seis anos. O pasado día 19, os socios renovaron a confianza nel, saíndo elixido por corenta votos de diferenza. Comeza agora unha nova etapa, para continuar cos proxectos que xa estaban en marcha e para iniciar outros novos, tan necesarios nos tempos de crise que corren. Esta semana formouse a nova directiva. -¿Quen forma parte da nova directiva? -O vicepresidente é Miguel Cores Suárez, o secretario é José María Martínez Artero e o tesoureiro é Alfonso Paz Cadabal. Estes dous últimos son novas incorporacións. Tamén se suma por primeira vez ao equipo directivo, entre outros, José Ángel Silva González. -¿Que logros destacaría da súa etapa como presidente? -A creación de Viamare hai tres anos e o crecemento do asociacionismo en si. Tamén levamos a cabo moitas colaboracións cos aparcamentos, gasolineiras e asesorías. -¿Cales son os principais obxectivos que se marca agora? -O principal obxectivo da asociación agora mesmo é crear un polígono industrial en Ribeira e loitar pola seguridade cidadá. A curto prazo, tamén estamos traballando na campaña do Día da Nai, repartindo papeletas polos comercios. O próximo día 24 será o sorteo de tres vales de compra de 300 euros. -¿Cómo vai o tema da ampliación do polígono de Xarás? -Hai proxectada unha pequena ampliación, e está aprobada nos presupostos da Xunta, pero non hai moitas máis novidades. En canto ao macropolígono, haberá pronto unha reunión entre as patronais de A Pobra e Ribeira e os respectivos alcaldes. -¿Hai moita demanda de solo industrial en Ribeira? -Pois si. Hai un socio que precisa unha cantidade de terreos importante, un total de 180.000 metros cadrados. Se lle prometen terreo en dous ou tres anos queda en Ribeira. Ademais, esta empresa traería ata aquí 400 postos de traballo directos, e moitos máis indirectos. Pero polo que soubemos recentemente por unha reunión que convocou o BNG, a Xunta ten previsto levar adiante o proxecto entre o 2012 e o 2015, e nós consideramos que se debería facer antes. Fixemos unha sondaxe hai uns dous anos, e daquela soubemos que se precisaban máis de 300.000 metros cadrados. Agora imos enviar unha circular para volver preguntar, porque é seguro que esa demanda aumentou. Por exemplo, eses 180.000 metros dos que falei antes non están incluídos nesa sondaxe, así que precísanse polo menos 500.000 metros cadrados de solo industrial. -¿Marcharon moitas empresas por falta de terreo? -Non sabemos a cifra exacta, pero polo menos catro ou cinco casos si coñecemos. Algunhas foron para Boiro, outras para A Pobra... Todo iso por estar esgotado o solo industrial. Está claro que esta falta de chan trae moitas consecuencias negativas para Ribeira. -¿Que necesidades ou reformas serían precisas para mellorar o servizo do polígono de Xarás? -Hai pouco fíxose unha limpeza de pluviais que era moi necesaria. Agora, o que máis falta fai é unha mellora das beirarrúas e tamén velar máis pola seguridade, pois rexístranse moitos roubos no polígono, tanto de vehículos como de material almacenado dentro das propias naves. En canto á depuradora específica para Xarás, non sabemos nada novo, simplemente o tema da obra de canalización, xa que se vai construír unha liña individual para que os residuos industriais vaian separados dos outros.