Viaxe artística á Expo'92

María Xosé Blanco Giráldez
M. X. Blanco RIBEIRA/LA VOZ.

BARBANZA

Unha exposición aberta en Ribeira permite ver parte das obras que o Xacobeo amosou na feira de Sevilla

18 may 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Unha selección de cadros feitos por artistas galegos contemporáneos dá contido desde a noite do venres á sala de exposicións do auditorio de Ribeira. Trátase dunha mostra itinerante, Iacobus Gallecia , que pertence aos fondos do Xacobeo. De feito, está composta principalmente polos traballos que este organismo levou á Expo de Sevilla no ano 1992, aos que se lle foron engadindo creacións posteriormente.

Este conxunto de obras, que permanecerán a disposición do público na cidade ribeirense ata o 13 de xuño, son un exemplo da vitalidade artística de Galicia entre finais do século XX e comezos do XXI. A colección caracterízase pola variedade estilística, formal e conceptual de artistas tan distintos como Darío Basso, Paco Pestana, Xosé Freixanes, Antón García Patiño, Alfonso Sucasas, Armando Martínez, Ignacio Basallo ou Antón Lamazares.

En Iacobus Gallecia danse cita desde pezas conceptuais, abstractas e figurativas ata obras de autores que amosan toda a súa fisicidade ou o seu agudo primitivismo. En algúns casos, os traballos afondan na iconografía tradicional, relixiosa e xacobea, mentres que en outros, son una pura evocación poética representativa dunha arte a cabalo entre dous séculos.

Labor difusora

Con motivo da inauguración da mostra, desprazouse ata Ribeira Pilar Ron, en representación da Sociedade do Xacobeo. Aproveitou para manifestar que con esta exposición «queremos dar a coñecer parte da colección de arte contemporánea que o Xacobeo reuniu ao longo destes anos, ofrecendo ao público un achegamento á obra de autores galegos actuais e de recoñecido prestixio».

Pilar Ron sinalou que se trata dunha mostra itinerante, sendo Ribeira o terceiro destino no que recala, despois de ser exhibida en Santiago e en Noia. As trece obras que compoñen esta exposición viaxarán despois a Caldas, Vilagarcía, Baiona e Tui; lugar no que finalizará o seu percorrido pola comunidade galega, a finais de outubro.

A representante do Xacobeo estivo acompañada polo concelleiro de Cultura ribeirense, Luciano Fernández, quen convidou aos veciños do municipio e aos barbanceses en xeral a achegarse ao auditorio para gozar dunha mostra que cualificou de «magnífica».