Os socios do centro cultural Vicente Vidal organizaron un fin de semana cheo de música e actividades
31 ago 2010 . Actualizado a las 02:00 h.A un fin de semana da Guadalupe, os veciños de Leiro xa están resacosos de festa, posto que estes foron uns días de romaría na localidade rianxeira. Os responsables de tal celebración foron os socios do centro cultural Vicente Vidal de Leiro, quen organizaron para as xornadas do venres e do sábado multitude de actividades para entreter aos turistas e aos veciños.
A noite do venres estivo dedicada aos mozos. A partir das 22.30 horas os concertos de rock deron comezo. Ekos e Black Show Motards fixeron vibrar a todo o público que se achegou ata os concertos. A xornada do sábado tivo máis sabor folk, pois comezou a base de cantos e bailes populares.
O grupo de gaitas Pedrón, os gaiteiros da banda de música Vicente Vidal, os rianxeiros Restreba, un grupo de pandereteiras e cantareiras de Boiro, xunto a outro de Cespón, foron os encargados de encher de música a mañá e a tarde dos veciños de Leiro. Xa pola noite, a verbena correu a cargo do trío Togayán.
Encontro
A música foi un elemento importantísimo, porén non foi o único prato forte. Ás 12.00 horas do sábado celebrouse un encontro de romeiros, e tan só dúas horas despois, tería lugar unha multitudinaria sardiñada.
De forma gratuíta para os socios do centro cultural, e por só 5 euros para os non socios, púidose gozar de diversos pratos e doces. Dez quilos de mexillóns, corenta e cinco de sardiñas, doce empanadas de atún, diferentes sobremesas e cincuenta litros de viño tinto, foron as delicatesen das que gozaron os festeiros.
Asociacionismo veciñal
A colaboración veciñal foi fundamental para poder organizar unha vez máis esta cita. De feito, os socios do centro cultural de Leiro tiveron que vender rifas e pedir colaboración ao Concello para poder afrontar os gastos da festa.
Segundo Juan Estévez Vila, presidente do centro cultural, «este ano houbo menos xente porque a romaría coincidiu cos Milagros de Catoira e cos días previos a San Ramón de Bealo. Aínda así, estamos contentos cos resultados. A xente gozou moito coa festa. Teño que dicir que un veraneante do País Vasco, de máis de 90 anos, presenciou todas as actuacións. Iso dío todo».