Dende hai dous veráns, Sánchez exerce de guía no programa «Paséate con nós», de Boiro, ensinándolles aos turistas unha labor tradicional
11 sep 2010 . Actualizado a las 02:00 h.Benigno Sánchez é un carpinteiro de 68 anos, nado no lugar de Triñáns. Despois de traballar a maior parte da súa vida na construción de barcos de madeira, hai dous anos animouse a participar nunha das iniciativas turísticas do Concello de Boiro. -¿Cando empezou a traballar nos estaleiros? -Cando tiña 14 anos comecei a ir ao estaleiro para aprender o oficio. Xa con 16 era quen de construír gamelas por min mesmo. Cando marchei para o servizo militar, xa tiña construídas 5 grandes naves sen axuda de ninguén. -¿É complexo? -A carpintería de ribeira é un oficio bonito e complicado á vez. Para traballar nesta profesión hai que ter moita paciencia. Moldear as madeiras non é fácil, e sempre existe o risco de que se rompa algunha. No relativo á montaxe, tamén hai que dicir que se tarda en collerlle o truco. -¿Que coñecementos son indispensables para crear embarcacións? -Ante todo, hai que saber sumar, restar, multiplicar, dividir e traballar con escalas. -¿Por que decidiu participar no programa «Paséate con nós»? -Chamáronme da oficina de turismo, e gustoume a idea de poder ensinarlle aos turistas este oficio tradicional. Agora, xa retirado, teño moito tempo libre, así que non me importa dedicarlle un pouco aos demais. -¿Que é o que lle aporta esta iniciativa? -Grazas a este programa coñezo a un montón de xente de todas as partes, para min é unha experiencia moi positiva. -¿Que lle ensina á xente que se achega ata o estaleiro da Ladeira? -Ensínolles as maquetas das embarcacións e como se marcan estas, tamén lle amoso as plantillas e as cadernas e como se coloca a madeira. Para rematar sempre fago un repaso de como se chaman as partes do barco. -¿Que é o que máis lle chama a atención aos turistas? -Á xente chámalle moito a atención o tratamento da madeira. -¿Que balance faría este ano sobre o programa? -En principio, o número de visitantes aumentou respecto ao 2009. Este ano houbo polo menos 69. Eu penso que o programa cada vez é máis coñecido por parte dos visitantes. -¿Que procedencia adoitan ter os turistas? -Normalmente son persoas españolas, de feito non tivemos a ningún estranxeiro. Este ano veu xente de distintas procedencias coma o País Vasco, Cataluña, Madrid, Toledo ou Asturias. -¿Está o sector dos estaleiros nun bo momento? -A verdade é que non, de feito, estase perdendo o oficio en gran medida, e é unha mágoa. -¿A que se debe isto? -Principalmente a que hoxe en día se prefiren os barcos de poliéster ou ferro, a construción de embarcacións de madeira está en decadencia. -Dígame unha vantaxe da construción de embarcacións con madeira. -Para defender o meu oficio, teño que dicir que a construción con madeira é moito máis ecolóxica. Ademais redúcese a utilización de plástico, e unha vez que as embarcacións quedan inservibles, esta madeira pódese aproveitar para facer bateas ou para moitas outras causas. Sen dúbida, outros materiais non poden facerlle competencia niso. -¿Ata cando pensa estar vinculado ao mundo da construción naval? -Mentres viva, é algo que me encanta. Paséate con nós permíteme non abandonar este mundo, unha vez xa retirado do oficio.