Despois de navegar algún tempo, descubriu que cultivar mexillóns era un bo negocio; a día de hoxe, explícalles aos turistas os segredos deste bivalvo
14 sep 2010 . Actualizado a las 02:00 h.Manuel Domínguez é un boirense de 84 anos nado no Chazo, que leva toda a vida vinculado ao mundo do mar. Retirado despois dunha longa traxectoria criando mexillón, a día de hoxe colabora como voluntario nunha iniciativa da oficina de turismo de Boiro, ensinándolles aos veraneantes todo o relacionado co mundo deste bivalvo.
-¿Como se animou a participar no programa « Paséate con nós» ?
-Avisáronme do Concello, e a min pareceume boa idea o de facer algo para entreter aos turistas. Cando eu saio fóra tamén me gusta que teñan cousas para ensinarme por iso me decidín a participar no programa desinteresadamente.
-¿Seguirá no futuro participando nesta iniciativa?
-Mentres que a saúde e a cabeza mo permitan, si.
-¿Que lles explica aos turistas sobre o cultivo do mexillón?
-Explícolles moitas cousas. As medidas das bateas, como se fabrican, o número de cordas que ten cada unha, o proceso de desove do mexillón, como se enredan as crías na corda, cóntolles as causas de por que o mexillón das pedras é máis resistente que o das bateas... Intento contarlles o máximo, para que se queden cunha visión moi completa sobre o tema.
-¿Que é o que máis lle chama a atención?
-Aos turistas chámalles a atención que se poida diferenciar o sexo do mexillón.
-¿Iso é posible?
-Observar as cunchas do mexillón é a maneira de diferenciar o sexo. A natureza non é toda igual, a femia é máis ancha que o macho, pasa o mesmo que no caso das persoas.
-¿Ve moitas diferenzas na forma de traballar hoxe en día na batea, respecto a como se facía antigamente?
-Cando eu ía á batea era unha escravitude, hoxe pola contra, todo é automático. Para levantar as cordas tan só lle hai que dar a unha panca, mentres que nós tiñamos que tirar e cargar con elas, cheas de mexillón. Cando eu chegaba á casa, a miña dona tíñame que mollar as mans porque as traía todas mancadas de traballar. O transporte tamén é moi diferente, nos inicios iamos con lanchas a remo, porén, hoxe na batea trabállase con barcos bastante potentes. Na actualidade, ir á batea é máis sinxelo, isto non quere dicir que daquela non se gañasen cartos, de feito, era un moi bo negocio, pois a nosa ría sempre foi moi produtiva, aínda que daquela non estivera tan explotada.
-¿Ten algún fillo que continúe coa tradición bateeira?
-O máis pequeno decidiu dedicarse ao mundo das bateas. Estou moi orgulloso diso, aínda que teño que dicir que el é moito máis medroso ca min. Nos andabamos a toda presa por riba dos taboleiros, porén el anda a gachas por riba da batea para non perder o equilibrio. Penso que os homes de antes eramos dunha madeira especial.
-¿Canto valía unha batea cando vostede deu orde de construíla e canto vale hoxe en día?
-En 1957 unha batea con cadea e morto custaba 27.000 pesetas, o que eran moitos cartos. Hoxe en día, unha batea pode custar sobre un millón de euros.
-¿Os materiais que se utilizan para construír as bateas son os mesmos na actualidade que antigamente?
-Non, os de hoxe son máis resistentes, úsase máis plástico, o que é mellor. Antes tiñamos moitos problemas, porque ao construílas con madeira, cando había temporal forte, fundían e tiñan que ir buzos ao fondo a rescatalas. Dou fe de que antigamente pasábanse moitas máis calamidades neste sector.