Experimento turístico

José Rodríguez Cabeza

BARBANZA

05 oct 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Dixo Claude Bernard, biólogo, médico e fisiólogo francés, fundador da medicina experimental, que sen experimentación científica non hai ciencia pero que, sen teoría previa, os datos experimentais non valen para nada.

Sobre como experimentar hai, incluso, teorías dende os tempos dos grandes filósofos gregos, pero unha cousa está clara, sen experimentación non serían posibles os grandes descubrimentos da historia, sendo o máis importante o da roda. Opino que deberiamos facer coma os nenos, que son os que máis experimentan rompendo cousas pola curiosidade de coñecer o que hai agochado.

Armados destes fundamentos nós tamén quixemos experimentar o alugar unha vivenda na tempada de verán, que xa facía moito que non o faciamos, e aprendemos algunhas cousas interesantes.

Por exemplo, que as piscinas naturais do río Pedras -non sei porque na autovía lle poñen Pedrás- teñen moito atractivo para os visitantes. Que lles gusta máis ollar as dunas dende a Pedra da Ra que camiñar ao seu carón. Que prefiren a praia de Coroso que a de Cabío. Algúns que descobren a praia da Corna non entenden como este areal non está acondicionado e non asumen que sexa por culpa da lei de costas. E, como non podía ser doutro xeito, quedan abraiados coa Curota. Resumindo, que a nosa zona non desmerece con relación á outras tan promovidas e coñecidas como a de Sanxenxo.

Tamén agradeceron moito saber que podían mercar bivalvos no mesmo peirao de Rianxo. O marisco preferido seguen sendo os mexillóns, destacan as empanadas de millo con berberechos derriba das demais e o polbo á feira é o rei do pratos. No capítulo das carnes nada que non puideran atopar nas súas carnicerías.

A nosa impresión foi que, sen espaventos nin grandes pretensións, temos un potencial turístico que pode medrar moito nos alugueres de vivendas de tempada e algo máis nas actividades hostaleiras, non sendo os restaurantes de deseño o que busca o tipo de turista que nos pode chegar, un turismo de clase media que, en moitos casos, pregunta prezos para alugar por quincena ou semana.

Teorizando como aconsella Claude Bernard, coido que agora habería que experimentar co turismo gastronómico onde si podemos atraer á xente con cartos.