«Pellets»

José Rodríguez Cabeza

BARBANZA

26 oct 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Para o home prehistórico, o descubrimento do lume supuxo un cambio máis radical no seu modus vivendi que para nós o descubrimento do petróleo, unha fonte de enerxía que se esgotará máis cedo que tarde.

Fai uns días asistín a unha feira da construción, case un tópico nos tempos que corren, cando me sorprendeu un stand que expoñía estufas e caldeiras de calefacción de leña. Na beira das mesmas dúas cestiñas de esparto, unha amosaba óso de olivas e améndoas secas e trituradas e a outra rezaba «pellets» en forma de dedos que o expositor aclaroume que eran restos de madeira e pólas que non tiñan outros usos, sometidos a uns procesos sinxelos de secado e prensado. Pregunteille se coñecía o toxo galego, contestando afirmativamente e que, do mesmo xeito que outros arbustos, podía ser perfectamente usado para tal fin e que este sistema de producir calor resultaba máis barato e ecolóxico que o gasóleo ou o gas natural.

O pasado 17/10/2010 este xornal publicaba no especial Empresas unha reportaxe sinalando que tres cuartas partes do bosque galego é improdutivo mentres que Europa queima máis madeira do que debería para producir electricidade, xa que resulta máis barato que o carbón, mentres que aquí estamos asistindo ao desmantelamento das plantas térmicas de Meirama e As Pontes de García Rodríguez.

Sorprendido polo descubrimento fun escaravellando pola rede e topeime con moita información que me amosou que, efectivamente, o monte galego ten máis futuro do que semella. Coa calculadora na man fixen algúns números concluíndo que soamente para este tipo de calefacción os prezos da madeira triplicaríanse, resultando rendibles, e ata esa vexetación que queima os montes, xa que non se roza, ten valor comercial.

Adolfo Suárez metaforizou a transición como a arte de mudar as canerías sen deixar de funcionar a auga quente. A mesma estratexia hai que facer cos Grumir de Boiro, Ribeira ou de O Caurel, de tal xeito que non sexa necesario dispoñer deste servizo, nin gastar millonadas de diñeiro público en reforestacións para que logo volvan a queimarse. O que fai falla é que as Sociedades de Fomento Forestal (Sofor) sexan unha realidade, no que a Xunta ten unha gran oportunidade e con máis rendibilidade social que, por exemplo, o Plan re-Móvete.