O valor do solo

BARBANZA

05 dic 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Se alguén de fóra de Galiza me escoita opinar sobre a Lei do Solo vai soltar algún deses estereotipos que nos colgan, se somos desconfiados por natureza ou se nunca sabemos se imos ou vimos, se subimos ou baixamos. E así nos loce o pelo. Porque a día de hoxe, aínda non sei que beneficios trae a nova lei, nin que trampas encerra.

A primeira noticia de que algo non estaba claro chegoume cando un coñecido me preguntou a onde podía dirixirse, aquí na Barbanza, para facerse co terreo que uns vellos tiñan en venda e seguramente non sabían que a nova lei ía convertelo en solar edificable a poucos metros da liña de costa. E como fun educado na certeza dos refráns lembreille que a sabedoría dos nosos paisanos resúmese naquel «que sabe o demo máis por vello ca por demo», e el aínda era moi novo. E así foi que, cando chamou para formalizar a compra, os velliños subíranlle o prezo a unha cantidade imposible de aceptar, sentíndoo moito, dicíanlle eles que quen garda do seu ten para os seus, e sen cartos non se vende nin un codelo.

O certo é que esta Lei de Solo nin sequera pon de acordo ós mesmos concelleiros, e menos aínda ós distintos partidos, cada un cunha opinión distinta. Volvendo ó refraneiro, cada quen fala da feira segundo lle vai nela. E para os que non estamos afeitos ás trapalladas é complicado entender tanto artigo, e ler textos tan enleados como os textos legais, e se falas cos entendidos sempre aparece unha segunda intención que subxace detrás de tanto misterio para convencerche de que quen fai a lei fai a trampa. Co que todo nos leva a pensar que os poderes escuros pretenden restituír o urbanismo desaforado, para facer certo iso de que a moito non tardar, un gato poida percorrer o noso litoral sen baixarse dos tellados.

Coa famosa lei na man entendemos que as aldeas son lugares en vías de extinción, rescoallos da Galicia profunda de nosos tataravós, e que coas zonas protexidas e os ecosistemas quedan moi ben nos folletos para atraer turistas antes de que se monten os guindastres e as cementeiras para vender apartamentos de uso exclusivo durante un mes de verán. E cada vez será máis doado encontrar casos como o daquel alcalde que encheu a súa cidade de grandes superficies comerciais que só deixan como beneficio contractos renovables cada seis meses, por un montante que non chega ó salario base. E seguiremos vendo algún que outro hipermercado nunha vila con feira famosa, onde os entendidos decidiron expropiar as fincas dos arredores para facer aparcadoiros para os carriños da compra, mentres as empresas con man de obra especializada e salarios con trienios e quinquenios, marcharon a onde o erario público non lles fixese a puñeta.

Xa se están vendo peiraos pesqueiros que foron desmantelados para erguer apartamentos con vistas ó mar; e cada día son máis doadas de encontrar parroquias enteiras expropiadas para facer polígonos industrias, sen industria, con naves en venta ou aluguer desde hai unha eternidade, polígonos que fican no alto dun monte a onde chegan estradas serpeantes invadidas por toxeiras, e por onde nin un chimpín pode circular. Unha lei tan difícil de entender como que se permitira facer un peirao para embarcacións deportivas onde outrora había unha praia ameixeira. Non hai parroquia que non teña a súa enxebre desfeita.

En fin, que segundo a Lei de Solo, todo me fai pensar que o sector primario, buque insignia da nosa economía, ficará desprazado en favor de sectores rexidos e financiados por capital foráneo; a burbulla inmobiliaria volverá a guiar o noso benestar con promesas de sol e samba, e as vacas leiteiras serán sacrificadas para deixarlle sitio ás grandes superficies onde se vende leite desnatado de importación.