«A interpretación é o que me fai feliz de verdade. Isto é o meu»

Paula souto RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

A novel actriz acaba de rodar a súa primeira película de man do director cinematográfico Ignacio Vilar

23 ago 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

A pesar de ter moi claro dende pequena que quería ser actriz, Sabela Arán non dubidou en estudar a licenciatura de Comunicación Audiovisual para ter un respaldo por si as cousas non saían ben no mundo da interpretación. Ao rematar a carreira instalouse en Madrid, onde fixo un máster en Actuación Cinematográfica e Televisión. Acaba de rodar a súa primeira película baixo a orde do director galego Ignacio Vilar. Vilamor, que se estreará a principios do vindeiro ano, espera que sexa a súa carta de presentación.

-¿Como é «Vilamor»?

-É unha película ambientada na década de 1970. Eu son a protagonista feminina e interpreto a unha comuneira que loita para saír a diante. Rubén Riós encarna a un seminarista. Polo momento, só vimos algúns fragmentos, pero sen son.

-¿Como comezou no mundo da interpretación?

-No instituto facía teatro e tamén realizamos unha curtametraxe sobre o Camiño de Santiago no que facía de actriz. Foi aquí cando dixen: «isto gústame». Ao longo da carreira tamén fixemos algúns proxectos, pero foi no máster onde máis desenvolvín a faceta de actriz en curtas, na serie para Internet El Gran Pecado e un piloto dunha serie que non sei se chegou a mercar.

-¿Sempre quixo ser actriz?

-Eu quería ser cantante, bailarina e actriz, sempre me gustou o das películas. Poder transmitir á xente e lograr que se cheguen a emocionar, rir ou chorar paréceme incrible. Iso de poder ser mil persoas diferentes á vez resúltame moi atractivo. Son unha persoa moi inquieta que busca aprender dos demais.

-¿Como ve o seu futuro?

-Non sei. Teño que esperar ao estreo da película e ver se alguén me chama. Eu estou moi contenta do que fixen, aprendín moito. Ata entonces volverei a finais de setembro para Madrid para seguir coa miña formación de dobraxe. Se algo me sae aquí intentarei compaxinalo. O problema das audicións en Madrid e que están cerradas, soen ir por axencia.

-¿Cine ou televisión?

-A min gústame máis o cine pero non me importaría facer algunha serie para televisión. Mentres me dedique a interpretación dáme un pouco igual, aínda que si é certo que o cine é a miña gran debilidade.

-¿Pensa que naceu para ser actriz?

-Eu creo que si. Hai momentos nos que penso no futuro e penso na posibilidade de dedicarme a algo que me asegure a vida. Pero a interpretación é o que me fai feliz de verdade. Isto é o meu. Cando realmente che interesa algo pensas en seguir aprendendo e formándote sempre. A rodaxe da película foi dura, pero compensa. Pasaría por isto toda a vida con tal de traballar.

-¿Que tipo de cine lle gustaría facer?

-Todo tipo de cine, pero non soporto as comedias románticas. Encántame o cine de terror, os thrillers e as comedias de antes. Tamén me gustan as superproducións como El Señor de los anillos, pero son máis das películas de culto como Seven ou Réquiem por un sueño. Chámanme máis a atención.

-¿Con que directores lle gustaría traballar?

-Con Francis Coppola, Quentin Tarantino, Darren Aronofsky o Woody Allen. A nivel español Pedro Almodóvar gústame, é diferente. Tamén houbérame encantado interpretar a personaxe de Meryl Streep en Los puentes de Madisón ou calquera papel de Blade Runner o Apocalipsis Now. As películas baseadas no holocausto tamén me chaman a atención.

-¿Importaríalle interpretar un papel masculino?

-Para nada, encantaríame. Ser o protagonista de Salvar al soldado Ryan ou Sargento de Hierro sería xenial. Gustaríame interpretar personaxes malas ou con problemas mentais e non a típica chica guapa con chico guapo.

-¿Que fai para desconectar?

-O mes de agosto estou en familia en Portosín entre a piscina e o bar Chaplin. Tamén saímos a navegar de vez en cando. Cando estou en Madrid aproveito moito a oferta cultural que hai alá. Vou ao ximnasio, paseo e tamén me gustan os videoxogos.

sabela arán román Actriz