A fundación intentará facer visible ao rianxeiro na Rede

María Hermida
MARÍA HERMIDA RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

Vai crear unha páxina, que estreará na primavera, onde poidan atoparse referencias de todo o mundo sobre o artista

29 ene 2012 . Actualizado a las 06:00 h.

A fundación Castelao aproveitou a celebración dos actos en homenaxe ao ilustre rianxeiro para celebrar, onte á tarde en Rianxo, a súa asemblea anual. Foi unha reunión marcada pola ausencia do presidente, Avelino Pousa Antelo, que non puido acudir debido a que está algo delicado de saúde. Si o fixeron os vicepresidentes, Alfonso Paz Andrade e Miguel Anxo Seixas. Este último deu conta dos acordos tomados. Decidiuse que Castelao ten que atopar o seu sitio na Rede; que debe estar moito máis presente en Internet.

Xa que converter en museo a vivenda do xenio está a ser un pesadelo -os problemas cos propietarios do inmoble situado na rúa de Abaixo levan anos persistindo- , a fundación decidiu que Castelao merece ter unha casa de todos «aínda que sexa a nivel dixital». De aí que a fundación decidise onte que vai crear unha páxina web na que se engloben todo tipo de referencias ao xenial artista. Trátase de intentar que en Galicia ou en Xapón se poida saber que hai unha intelectual romanesa traducindo Sempre en Galiza e cousas polo estilo.

A idea da fundación é estrear ese novo espazo en Internet o día 28 de xuño, xa que se trata dunha data especial para o pai do galeguismo posto que foi ese día cando se aprobou o Estatuto de Autonomía.

Roteiro cultural

Na reunión da fundación tamén estivo presente o alcalde rianxeiro. Adolfo Muíños manifestou que foi o primeiro encontro deste tipo ao que asistiu como rexedor e indicou que intentou transmitirlle aos membros da fundación que «teñen as portas do municipio abertas para colaborar en todo o que queiran». Nese senso, unha das propostas que fixo foi a de pór en marcha un circuíto cultural e turístico polos sitios «onde se ve a pegada de Castelao». Trátase dun proxecto que ao Concello lle gustaría levar a cabo da man da fundación «para que teña o rigor académico que debe acompañar este tipo de cousas». Logo da reunión, tivo lugar unha ofrenda floral. Loureiro e música para don Alfonso Daniel. Os encargados de facer soar os acordes do himno galego coas súas gaitas foron Xosé Romero e Maruxa Miguéns. Miguel Anxo Seixas púxolle a voz ao entrañable acto do Paseo da Ribeira.