As novas estrelas da literatura galega

raquel iglesias RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

SIMÓN BALVÍS

Os relatos dos sete mozos gañadores do premio Biblos foron presentados na Pobra

23 mar 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Son as novas promesas da literatura galega e así o deixaron claro no auditorio Valle-Inclán da Pobra, o incomparable marco no que se levou a cabo unha nova aposta da asociación cultural Barbantia. Sete de Biblos é o título do libro que fixeron posible o club de lectura e os mozos que gañaron co seu talento o certame Premio Biblos-Pazos de Galicia para menores de 25 anos. Aínda que non estaban as sete estrelas, catro delas compartiron cos presentes a súa experiencia no mundo da literatura e contaxiaron a súa paixón polas letras. Alberto Ramos, Iria Morgade, Patricia Casas e Berta Dávila impresionaron co seu traballo. Nesta publicación tamén asombra o talento de Pablo García, Elena Veiga e Iria López.

De presentar o acto encargáronse Tucho Calvo, fundador de Biblos, e, o representante de Barbantia Carlos Mosteiro. Tal e como explicou Calvo, os relatos tratan unha temática moi diversa e os mozos contaron coa axuda de autores como Agustín Fernández Paz, Elena Villar, Darío Xohán Cabana, Fina Casal de Rei, Xosé Luís Méndez Ferrín e Javier do Campo. Seguidamente, ofreceuse un enriquecedor coloquio sobre a nova narrativa galega.

Encontro cos alumnos

Antes de que os autores de Sete de Biblos se reuniran no auditorio Valle-Inclán compartiron as as súas experiencias cos alumnos do instituto da Pobra e animáronnos a que escriban e participen nos certames que se convocan. As bases da novena edición de este premio xa se coñecen e establecen que poderán participar todos aqueles que ao rematar este ano non teñan cumpridos os 25. Deberán amosar o coñecemento do idioma galego necesario para desenvolver unha obra narrativa de calidade.

Cabe destacar que nesta nova edición a titora será a escritora María Xosé Queizán.

O certame incorpora pequenos cambios e ten como obxectivo que os novos talentos da literatura teñan unha oportunidade para darse a coñecer.

barbantia