
O intérprete recalará mañá en Muros con Luis Iglesias
19 abr 2013 . Actualizado a las 07:00 h.Desde finais do ano pasado, o froito da alianza que asinaron Voz Audiovisual, a compañía Talía e a empresa RTA, que non é outro que o espectáculo teatral Gaivotas subterráneas, está a percorrer Galicia. Mañá (centro cultural, 21.30 horas), os veciños de Muros terán ocasión de gozar desta función que está a espertar moi boas críticas e que promete unha hora e media de intriga aderezada con interesantes notas de humor negro. Dous actores, de sobra coñecidos pola súa participación na exitosa serie Matalobos, son os protagonistas: Luis Iglesias e Xabier Deive. Este último analiza os detalles da xira que se prolongará, de momento, ao longo de todo o ano.
-¿Con que se van atopar os espectadores mañá, no centro cultural muradán?
-Vanse atopar cun trhiller psicolóxico entre dous personaxes que se coñecen desde pequenos, antagónicos pero ao mesmo tempo complementarios. É unha obra cunha dose importante de humor negro. Hora e media de espectáculo que pasa voando, pois é moi entretido.
-Preséntase como unha obra que destaca pola forza da súa posta en escena, ¿en que se traduce isto?
-É un espectáculo grande cunha escenografía ben armada. Penso que é unha función boa en todos os sentidos, con moito empaque. De feito, está funcionando ben en canto a público.
-¿Esperábanse a boa acollida que está a ter?
-Un sempre espera que a acollida sexa boa, pero o certo é que nunca se sabe, por moito que traballes e poñas a carne no asador, sempre dependes do público. Sen dúbida, neste caso, está a superar as nosas expectativas.
-¿É ademais un espectáculo novidoso en canto ao formato empregado para a produción e difusión?
-Si, por vez primeira, Talía deixa de producir para si mesma e embárcase con Voz Audiovisual e RTA para sacar adiante este proxecto. Unha fusión destas características non é habitual en Galicia.
-¿Pensa que o futuro do teatro, tendo en conta os tempos de crise que se están a vivir, pasa por este tipo de alianzas?
-O que está claro é que pasa por buscar alternativas, pois o que son os circuítos e as redes impulsadas polas Administracións públicas van camiño de desaparecer. O futuro do teatro pasa por non depender dos fondos públicos, nin para a produción nin para a difusión.
-A taquilla pode funcionar ben en cidades grandes pero, en localidades pequenas como Muros, ¿non é un risco?
-Ao mellor, nun lugar como Muros somos máis apetecibles comparando o resto da oferta cultural pois, nunha gran cidade, a competencia tamén é maior. A experiencia en pobos pequenos está a ser moi boa.
-¿Que prefire, actuar diante dunha cámara ou do público?
-Depende do proxecto, do personaxe. O teatro e a televisión son completamente distintos, aínda que os dous teñen en común o feito de contar historias co corpo. O público está vivo, polo que actuar diante del é alucinante.
-¿Que lle chamou a atención deste proxecto teatral en concreto?
-Interesoume desde o primeiro momento, porque está pensado para que Luis e eu fagamos unha obra acorde co que podemos dar como actores.
-¿Con que personaxe soen identificalo pola rúa?
-O máis popular é Diego, o de Matalobos. É un personaxe moi carismático e a xente identifícame con el.
xabier deive actor de «gaivotas subterráneas»