
Deporte e natureza conflúen por segundo ano con cincos rutas neste concello
11 may 2014 . Actualizado a las 07:00 h.A segunda edición de Multivoz será o día 31. E Lousame será outra vez o escenario. As rutas de sendeirismo, quads, motos e bicicleta de montaña contan con trazados renovados que a rexedora, Teresa Villaverde, defende como a mellor forma de coñecer un municipio cheo de encantos naturais.
-¿Que lle seduce máis desta segunda edición de Multivoz?
-O atractivo das rutas elixidas. Todas elas unen a práctica do exercicio físico, á vez que se pode gozar da natureza e coñecer o patrimonio material e inmaterial. E, finalmente, compartiremos un fin de xornada cunha merenda no polideportivo municipal. Por iso, Multivoz é perfecto para gozar en familia ou entre amigos.
-¿De que maneira colabora o Concello na organización desta proba multidisciplinar?
-Axudamos intensamente durante meses para dinamizar, motivar, coordinar todos os esforzos, preparar rutas, solicitar permisos ás Administracións que corresponda, ter os medios imprescindibles para que todo saia o mellor posible e que todos os participantes o pasen ben.
-O que parece claro é que a colaboración veciñal é fundamental nesta cita, algo que é de agradecer.
-Si, tanto a nivel individual como asociativo. Colaboran moitos veciños, asociacións e comunidades de montes na organización, na participación en actividades e como voluntariado. A todos eles quero facerlles chegar desde aquí o meu agradecemento pola súa implicación.
-Este ano hai rutas diferentes, ¿que destaca dos paraxes que verán os participantes en Multivoz?
-Todas elas son dunha gran beleza paisaxística e permitirán aos participantes gozar dunhas fermosas vistas sobre as rías e montes, de paseos polas ribeiras dos ríos cunha exuberante e singular flora, a presenza do bosque de ribeira conxugado coa arquitectura popular, co pasado industrial do concello que asoma nas siluetas decadentes das papeleiras de Fontán, A Galiñeira, Soutorredondo? e na musealización do espazo mineiro de San Finx. Se a isto lle engadimos as vivencias narradas polos que traballaron nestes sectores, ¡imaxínate!
-Tamén cambian os horarios, xa que as rutas serán de tarde.
-Fíxose pensando naquelas persoas que veñen de fóra e nos que traballan o sábado pola mañá, para que lles sexa posible participar nesta cita.
-Parece claro que os trazados están pensados para que persoas sen unha unha preparación física alta poidan facelos.
-Así é. Calquera veciño pode participar ao ritmo que se adapten as súas características. De sendeirismo hai dúas rutas, para poder elixir entre un traxecto máis longo ou outro máis curto. As de moto e quad non son para competir, son para dar un agradable paseo e gozar da paisaxe e da compañía.
TERESA VILLAVERDE PAIS ALCALDESA DE LOUSAME