A exposición está aberta a todos os creadores da comarca que queiran sumarse e o Museo de Artes quere chegar aos cen
28 oct 2014 . Actualizado a las 05:00 h.A primeira e a segunda Barbantiarte, mostras que lograron reunir as obras de 180 creadores da comarca, dispararon o ano pasado as visitas no Museo de Artes, dándolle aos responsables da fundación razóns sobradas para seguir apostando polos artistas da zona. Agora, ven de poñerse en marcha a maquinaria para a terceira edición dunha exposición que aspira a ter carácter anual. O proxecto arranca con sesenta barbanceses dispostos a achegar os seus traballos, pero o obxectivo é incrementar máis esta cifra.
Che Tembra, Maralla, os irmáns Costa, Delio Sánchez, Gude e Ana Cambeiro son algúns deses sesenta creadores que xa teñen as pezas preparadas para contribuír a Barbantiarte. A directora do museo, Rocío Hermo, lanza un chamamento a todos os artistas da zona: «Esta é unha iniciativa aberta. O único que teñen que facer aquelas persoas que estean interesadas en sumarse é contactar co museo para enviar unha serie de datos».
Coincidindo coa exposición, que ocupará dúas salas do edificio de Artes, a fundación vai editar un catálogo coas fotografías de todas as pezas exhibidas. Para a súa elaboración, o museo conta coa colaboración da asociación Barbantia. Máis alá de bater a marca de participantes rexistrada o ano pasado, uns noventa creadores en cada unha das mostras, Rocío Hermo explicou que o obxectivo é que a colección «sexa o máis representativa posible do que é o eido cultural de Barbanza na actualidade».
Polo de agora non hai data para a apertura da que será a terceira Barbantiarte, pero a intención do museo ribeirense é que teña lugar ao longo do vindeiro mes de novembro, polo que anima aos creadores interesados en participar a presentar os seus traballos canto antes.
Sona internacional
De xeito paralelo á preparación desta mostra, o museo de Artes está mergullado no proceso de preparación dos fondos que en breve viaxarán a distintos países. Por unha banda, as 72 obras de Salvador Dalí que se están a amosar con gran éxito no Palacio Sástago de Zaragoza partirán despois rumbo a Vigo, Logroño e Valladolid, para emprender posteriormente rutas máis longas, cara a Andorra, Colombia, Perú, México, Arxentina, Brasil e Corea do Sur.
Ademais, en febreiro, a obra gráfica de Goya e Dalí que se atopa nas instalacións de Artes será trasladada a Estados Unidos. De momento están confirmadas sendas exposicións en Nova York e Chicago, pero poderían sumarse outras cidades.