
O colectivo Francisco Lorenzo, promotor da sexta mostra de artes escénicas, tenta montar unha compañía infantil
04 nov 2014 . Actualizado a las 05:00 h.Son varias as mostras de teatro que, como cada outono, están nestes intres activas en Barbanza. A partir do vindeiro fin de semana, á relación haberá que engadirlle un ciclo máis, o que promove en Aguiño o colectivo Francisco Lorenzo Mariño. Trátase dun cartel integrado por catro representacións que terán lugar os sábados deste mes, ás 20.30 horas, no conservatorio da localidade.
A compañía Charamela será a encargada de levantar o pano. Escenificará, para a ocasión, un sainete cómico que leva por título Almas sinxelas. A semana que ven tomará o relevo Crucía, un grupo procedente de Ferrol que promete arrincar os sorrisos do público coa peza humorística Unha de vaqueiros. O día 22 será o grupo A Pombiña o que asalte o escenario con outra comedia, O xardín dos pobres. Os actores composteláns de Ditea serán os encargados de pechar este ciclo. Farano con Animaliños, un texto de Roberto Vidal Bolaño, dirixido para a ocasión por Pepe de la Fuente.
No acto de presentación desta mostra, a directiva do colectivo Francisco Lorenzo Mariño, con Unai González á fronte, explicou que o obxectivo deste ciclo é achegarlle o teatro aos veciños, aos que animou a acudir ás distintas funcións. Tamén agradeceu a colaboración prestada polas entidades Ardora e A Gandaina, así como polo Concello de Ribeira.
Iniciativa para nenos
Esta sexta mostra non é a única iniciativa que o colectivo de Aguiño ten en marcha para promover as artes escénicas. A asociación tamén está a dar unha serie de pasos co fin de poñer en funcionamento un grupo infantil de teatro. O primeiro que fará será impartir un obradoiro de teatro, dirixido a nenos de 5 a 12 anos. De prosperar a iniciativa, neste curso prepararse unha primeira obra, que será representada en distintos lugares da zona.