Un pensador sobre os límites da razón

antón parada / A.?G.

BARBANZA

O erudito relixioso de Aguiño traballa na redacción dun novo ensaio da súa serie «Repensar»

20 jul 2015 . Actualizado a las 22:16 h.

Unha das primeiras casas que se pousou sobre a terra dun Aguiño salvaxe foi o fogar onde naceu o teólogo Andrés Torres Queiruga. O ribeirense, provinte dunha familia de clase traballadora, non dispoñía dunha soa librería na súa vivenda. Quizais por iso, sendo un rapaz xa devorara as únicas bibliotecas dispoñibles, emprazadas nas dúas escolas.

Quizais por iso, hoxe sexa imposible contabilizar todos os libros que aínda medran polas paredes, como unha hedra con recendo a coñecemento. «Eu só quería ser sabio». Esa era a obsesión dun mozo Torres Queiruga que, tras rematar o bacharelato en Ribeira, vía medrar o seu mundo exponencialmente camiño do seminario en Santiago.

«Tardei en caer na conta, nunca me vira como párroco, senón como profesor», confesou o fundador da revista Encrucillada. A historia deste sacerdote católico, que nunca chegou a exercer como tal, está marcada pola dicotomía entre o pensamento puramente relixioso e a razón na súa vertente filosófica. «Unha filosofía aberta e unha teoloxía crítica no fondo coinciden», dixo apoiándose no filósofo Husserl.

A rutina de Torres Queiruga durante os tres anos que pasou como seminarista foi dura. Cada día levantábase ás seis da mañá para asistir a clase. Ademais do latín e do grego, lémbrase de que cultivou as matemáticas mediante os exercicios particulares que lle poñía o mestre Manuel Ferro: «Cando os terminei todos díxome: agora estuda alemán». Só e armado cunha gramática de tipografía gótica así o fixo. E inglés, francés, italiano e portugués.

Motivado polos seus profesores ingresou na Universidade Pontificia de Comillas, definida por el como o «centro intelectual máis vivo do país por aquel entón». Durante os dez esixentes anos que abarcaba a licenciatura, aberta só á selección dos mellores estudantes, mergullouse na poesía, no teatro, no cine e finalmente na súa paixón: a filosofía.

Madurez intelectual

Nun contexto no que as ensinanzas escolásticas eran a liña predominante en Comillas e estaba en curso o Concilio Vaticano Segundo, Torres descubre a figura de Ángel Amor Ruibal. Ata aquel momento pouco coñecido, o teólogo pontevedrés e creador do correlacionismo supuxo unha revolución no pensamento de Queiruga. Ata o punto de desafiar os hábitos académicos, pois centra o obxecto da súa tese na evolución do dogma, temática que causou controversia entre os sectores máis conservadores.

«Non podo ser dogmático, porque unha cousa é a fe e outra o modo de explicala», así resumía o experto, o motivo que o levou a basear o seu doutoramento na historicidade da fe, durante dous anos na Universidade Gregoriana en Roma. A amizade forxada entre Torres e Ramón Piñeiro construíu outro dos piares do pensamento do primeiro, a saudade.

O Santo Oficio

A idea ligada ao sentimento galego de nostalxia, que Queiruga expuxo no seu discurso de entrada na Real Academia Galega, afondaba na dualidade de que pode ser unha sensación positiva ou negativa, para el «atemática», segundo a predisposición. A súa actitude crítica e rupturista espertou malestar dentro da Conferencia Episcopal Española, que o chegou a acusar de galeguista.

«Fíxose forte un grupo ortodoxo en Toledo, que sen chegar a dialogar calumniaron parte da miña obra», afirmou sobre as notificacións recibidas en 2012, que pretendían sometelo a un xuízo de pregunta e resposta ao que se negou. Actualmente, o aguiñense está inmerso nunha multitude de compromisos de conferencias e solicitudes de artigos, así como a culminación dun volume que continuaría a serie Repensar.

Cunha mirada esperanzadora pola chegada do papa Francisco, remata predicindo unha renovación necesaria dentro da estática xerarquía eclesiástica.

andrés torres queiruga teólogo

Licenciouse en Humanidades, Teoloxía e Filosofía na Universidade Pontificia de Comillas (Cantabria). É doutor en Filosofía pola USC e membro de número da Real Academia Galega e do Consello da Cultura Galega. Publicou máis de 40 obras, ademais de artigos.

Recibiu a distinción da Crítica y Ensayo nos anos 1977 e 1985. En 1990 acada o premio nacional á mellor tradución compartido con José Fernández Lago. Conseguiu o premio de investigación Losada Diéguez e o Trasalba en 1996 e 2003, respectivamente.