Educación concede ao proxecto STARgal do IES A Cachada un premio en innovación lingüística

Ribeira / la voz

BARBANZA

O galardón pon o foco en varias das citas que se levaron a cabo co motivo do Día das Letras Galegas

17 may 2016 . Actualizado a las 05:30 h.

O resultado do esforzo do Equipo de Dinamización Lingüística do IES A Cachada de Boiro, así como dos corenta estudantes que encabezaron o desenvolvemento das actividades tecnolóxicas no STARgal, recibiron un dos cinco premios de innovación en dinamización lingüística que concede a Consellería de Educación.

O galardón pon o foco en varias das citas que se levaron a cabo co motivo do Día das Letras Galegas, como a representación teatral Ensaiade, ensaiade, maldit@s, dirixida pola dramaturga Tero Rodríguez dende o obradoiro de teatro RVB. Tratouse dunha composición realizada por 20 mozos de tres pezas de Roberto Vidal Bolaño, Rubén Ruibal e Sechu Sende que volverá a ser representada nun pase aberto organizado en colaboración co Concello de Boiro.

Os gañadores

Xa son oficiais os campións das probas dos videoxogos programados polos rapaces. A fase galega, rañaSTARgal, recaeu no instituto Johan Carballeira de Bueu, cos alumnos Samuel Iglesias e Constantino Fuentes e a docente Lucía Durán. O premio do propio centro foi conquistado por Javier Torrado e o de videopoemas nos boirenses Pablo García e Andrea Outeiral, que gañaron 100 euros e a inscrición nos obradoiros Olloboi 2016.