O temor á morte

José Rodríguez Cabeza DENDE FÓRA

BARBANZA

31 may 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Dai uns días recibín unhas chamadas informándome da recolleita de firmas no entorno da barriada pobrense de Venecia, atinado nome da súa homónima italiana, rexeitando que se dea licenza polo Concello á instalación dun negocio de pompas fúnebres naquel entorno, que como veciño que fun de alí e sigo sendo no solsticio estival, cadra que lle dedique este comentario.

En primeiro lugar cómpre dicir que, baixo o meu profano criterio, cos dous decretos da Xunta que regulan este tema (134/1998 e 151/2014) un velorio é posible, un tanatorio é discutible e un crematorio sería ilegal, pero voume afastar destas cuestións legais para pronunciarme, xa que algo tan natural como a morte foi e segue sendo un tema de tratamento complexo. Así o poeta Miguel Hernández desexaba morrer «con la cabeza muy alta», mentres que Santa Teresa de Ávila co seu «que muero porque no muero» tiña présa de xuntarse co seu amado, pero isto son excepcións pouco aplicables para a xeneralidade dos mortais.

Tendo en conta que a instalación estaría a carón do Centro de Día e da residencia de anciáns, hai dúas cuestións que desaconsellan unha instalación naquela nave. A primeira é que iso vai provocar o que os estudosos chaman «reaccións emocionais» nos vellos e a segunda, aínda que soamente fose para velorios, o impacto no dolus e na aflición que van producir os ruidosos eventos do polideportivo nos familiares e achegados dos defuntos, que en moitas ocasións precisan de asistencia psicolóxica cando non psiquiátrica. O alcalde aínda está a tempo de evitar o que sentenciaba Publio Syro, o temor á morte é peor que a morte mesma.