Non sei vostedes, pero eu son dos que cando vexo un mapa de Galicia, o primeiro que fago é satisfacer a miña curiosidade localista: miro como saen a miña casa e as leiras. E logo, o resto. Así que cos antigos mapas de Galicia lánzome coma un corvo mariño a ver que aparece no Barbanza, as rías de Arousa e Muros. Fágoo porque os mapas son basicamente convencións, non din tanto do mundo físico coma do político ou económico, e o morbo se nos excita cando vemos lugares que son máis importantes que outros naquelas montes.
No mapa de Oxea, debuxado en 1603, a nosa comarca ten unha capital clara, Noia, seguida da Pobra do Deán (o Caramiñal aínda non aparece, case nin existiría). Logo, estaría Rianxo e a Boiro nin se lle espera, pero si está Agüeiros, zona importante de aquela polas súas ostras.
Preto das dunas de Corrubedo hai unha misteriosa Vila Maior (¿sería O Vilar?) e, máis alá, Dozón (que era o nome orixinal do Porto do Son antes das chapuzas lingüísticas) e Nebra, ese rico val con pazos e grandes labradores. E ese era o esquema do poder do Barbanza. Nin Ribeira nin Boiro existían. As vilas de orixe medieval onde vivían os señores e pouco máis.
En mapas posteriores, coma o do Reino de Galicia de 1773, que representa a comarca de maneira bastante máis panzuda que a actual, o asunto cambia. Aparecen aldeíñas pequenas ao lado das grandes vilas. A ver se lles soan: Boiro, Santa Uxía... pero non máis grandes que Palmeira, que Oleiros, Tállara ou Posmarcos. Non hai queixa. En 1785 William Faden vainos sacar só Noia e Muros na xeografía que fará para o rei inglés.