Pensen vostedes no follón montado estes días con Castro Candaz, ese xacemento mergullado no encoro do Belesar que algúns meses ao ano, de cando en vez, emerxe do fondo das augas para revelarnos os seus secretos, como ocorreu estes días polo baixo caudal do encoro.
Castro Candaz, en si mesmo, non ten un especial valor arqueolóxico, pero a xente acude a el porque a súa visión conéctanos cun gran mito: a Atlántida, a Illa Secreta. Case todas as grandes historias xornalísticas que triunfan teñen que ver (ou lembran) antigos mitos.
Por iso a illa de Sálvora está condenada a triunfar. Porque, comezando polo seu propio nome, nela hai case máis mito que historia, aínda que a historia de Sálvora non é só visible, senón tamén invisible e se atopa debaixo da area, agardando por algunha xeración de intrépidos xestores e científicos (mentres, é mellor que non a toquen).
O caso é que está moi ben que a Sálvora a declararan Ben de Interese Cultural (BIC), pero iso non é máis que unha manobra política e de imaxe das dúas consellerías implicadas.
Nun lugar como a illa, de acceso xa restrinxido e con medidas de protección, o BIC é unha maneira de saír nos medios sen comprometerse a nada; non hai nada nesa declaración que mellore a situación actual de Sálvora.
Para que a illa avanzara na súa protección, o ideal sería anunciar un plan director cun financiamento económico e uns obxectivos claros de conciliación entre ciencia, turismo e medio ambiente. Pero claro, iso xa sería pensar, e non estamos para iso. Estamos para saír nos medios.