
A lembranza á autora do Sar incluirá unha ofrenda floral e un recital poético
16 feb 2017 . Actualizado a las 05:00 h.21 días co galego é o lema da campaña que, por cuarto ano consecutivo, puxo en marcha o instituto da Pobra en colaboración co Concello. Do que se trata é de, coincidindo co aniversario do nacemento de Rosalía de Castro, o 24 de febreiro, promover o emprego da lingua nai levándoa a diferentes eidos da vida cotiá.
Este proxecto xurdiu no centro educativo no ano 2013, da man da mestra Pilar Ponte, que onte explicaba os seus obxectivos: «Aumentar o uso da lingua galega e provocar unha reflexión íntima e persoal por parte dos participantes, tanto sobre o galego como sobre a relación coas linguas que empregamos».
A cuarta edición de 21 días co galego iniciou a súa andaina o 30 de xaneiro e terá continuidade ata o vindeiro domingo. Recorrendo á elaboración de enquisas, vídeos e outros traballos, do que se trata é de analizar o uso que os mozos fan do galego en diferentes áreas como a literatura, a moda, a música ou os xogos.
O proxecto inclúe unha homenaxe a Agustín Fernández Paz, Premio Nacional de Literatura que colaborou co centro en diferentes ocasións e que finou en Vigo o 12 de xullo do ano pasado. Todo o relativo a esta campaña estase a recoller nun blogue creado polo instituto.
O Concello pobrense achega o seu grao de area a este programa obsequiando aos estudantes con chapas e camisetas deseñadas para a ocasión e tamén poñendo á súa disposición una representación teatral. Terá lugar mañá, ás 12.00 horas, no teatro Elma, e correrá a cargo da compañía Talía, que presentará Bicos con lingua, un espectáculo en clave de comedia no que a través de diversas situación cotiás invita a unha fonda reflexión sobre os usos e abusos da lingua galega.
Actos institucionais
Día 24 • Praza Rosalía de Castro (A Pobra) • 19.00 horas • Teatro Elma • 20.00 horas • Ademais de colaborar na campaña que leva a cabo o instituto, o Concello da Pobra organizou unha serie de actos para renderlle homenaxe a Rosalía de Castro. Desenvolveranse o venres da vindeira semana, día que se lle dedica á autora do Sar. O cartel, que onte foi presentado na casa consistorial da Pobra, inclúe unha ofrenda floral na praza que leva o nome da escritora, que será amenizada polo grupo As Ferreñiñas, e un recital poético. Este correrá a cargo da Tertulia Literaria Tapal de Noia, un colectivo liderado por Ana Blanco que conta cunha montaxe dedicada a Rosalía, na que os integrantes fan unha lectura dramatizada dunha escolma de textos dela.