«Sacar adiante o modelo de cidade fixo que repensara a decisión de marchar»

Ana Gerpe Varela
A. Gerpe RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

carmela queijeiro

O rexedor di que neste mandato non poderá completar os proxectos iniciados e que iso lévao a presentarse de novo ás eleccións

09 abr 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

A piques de cumprir o segundo ano dun mandato en minoría caracterizado pola sintonía entre goberno e oposición, Manuel Ruiz Rivas non oculta que á hora de afrontar determinadas decisións sobre o modelo de futuro da cidade atopou máis atrancos entre persoas do seu entorno que entre quen, a priori, debería estar máis afastado politicamente.

A liña estratéxica de dar prioridade aos peóns fronte aos vehículos está a ter certo rexeitamento que fai temer ao rexedor que poida verse truncada no futuro. En maio do 2016, Manuel Ruiz anunciou neste xornal que non volvería a optar á alcaldía e agora explica que repensou a súa decisión de limitar os mandatos e que lle comunicou aos voceiros do resto de partidos que pensa volver presentarse ás eleccións.

-Conseguiu formar un bloque común coa oposición que está permitindo intensificar as medidas de apoio social e sacar adiante proxectos decisivos, ¿está resultando doado?

-En Ribeira pasamos dunha declaración de intencións a una práctica na que o diálogo estase traducindo na execución de accións concretas. Todos os grupos estamos rachando con esas ideas que existían inicialmente de que é imposible que poida haber entendemento entre o Partido Popular e outras formacións políticas. Con boa vontade, todo é posible.

-¿Como valora as achegas da oposición e o seu compromiso?

-Nas miñas primeiras intervencións díxenlles que se deran conta de que formaban parte do goberno. Para min, estando en minoría, son moi importantes as contribucións dos demais. Transmitinlles que, ideoloxicamente, eu non tiña problema en apoiar solucións para os problemas de Ribeira se eran mellores que as miñas. Considero que a iniciativa que está levando o goberno é moi positiva. Estamos aproveitando as sinerxías de todos os grupos para dar coas solucións acaídas aos problemas de Ribeira.

-¿Considera que con esta forma de traballo sácase máis proveito que con decisións unilaterais dun goberno en maioría?

-Un preséntase ás eleccións cun modelo e non pode desviarse das súas promesas, pero á vez ten que buscar un espazo de acordo no que as cesións fagan posible que ese modelo poida ampliarse a outros grupos. O máis importante é que todos nos sintamos cómodos e non que só se sinta cómodo un partido, por moi maioritario que sexa.

-Estanse definindo as liñas mestras do futuro de Ribeira, pero vostede dixo hai un ano que este era o seu derradeiro mandato, ¿non pensa que deixa o traballo incompleto?

-Opino que é bo limitar os mandatos e que nese tempo un debería realizar o seu modelo. No meu caso sinto que iso non vai ser posible, e sacar adiante o modelo de cidade fixo que repensara a decisión de marchar. Este modelo, que se substancia nos plans de turismo, mobilidade, accesibilidade, na Edusi e na acción social non vai estar concluído no ano 2019. Iso, unido á petición de moitísimos compañeiros e colectivos, fíxome repensar se a limitación de mandatos debía ser tan inmediata.

-¿Pensa que se non continúa ese deseño poida verse truncado?

-Efectivamente. Creo que hai dúas Ribeiras, unha que ansía o que era ser unha pequena vila ou pobo e outra que desexa a transformación; un cambio no que as políticas municipais están baseadas no benestar das persoas, nas políticas de igualdade e de accesibilidade. Considero que ambos modelos deben confrontarse nunhas eleccións.

-¿Que teme?

-Que esa liña que a corporación acometeu poida racharse por outro tipo de formacións, colectivos ou asociacións que nestes momentos non están presentes nela, pero que se manifestaron claramente en algún movemento social das últimas datas. Ante iso, considero que o impulsor deste modelo ten que dar a cara, e eu estou disposto a facelo.

«No proxecto para facer peonís rúas do centro urbano sentín máis incomprensión por parte de moita xente próxima»

Neste segundo mandato, o Concello xestiona un novo Ribeira Atlántica, que debe servir para completar o iniciado co primeiro. Unha das actuacións consiste en reducir o tráfico no centro da cidade e está tendo máis calado do que podería pensarse.

-Non hai dúbida de que está facendo concesións, ¿están sendo entendidas dende o seu partido?

-A moita xente cústalle entender que non teñamos a maioría absoluta, ou que non poidamos ou non queiramos impoñer o noso criterio. Iso pode levar a distanciamentos ou a incomprensións por parte de algunha xente. Por riba do partido e do grupo están os intereses maioritarios de Ribeira, que e á que nos debemos.

-¿Hai distanciamento?

-Hai casos de algunha xente que non logra asimilar o modelo de cidade que queremos implantar, no que o importante sexan as persoas. O que crea problemas é un cambio de xerarquías á hora de utilizar o espazo público.

-Refírese á peonalización, ¿ten máis respaldo por parte dos outros grupos que no seu partido?

-No proxecto para facer peonís rúas do centro urbano sentín máis incomprensión por parte de moita xente próxima da que sinto co compromiso que adquiriron os grupos. Eu considero que sería moi apetitoso explotar ese malestar da xente para calquera partido na oposición. Sen embargo, vin máis caras coñecidas que descoñecidas nese malestar.

-¿A que pensa que se debe?

-Non queremos impedir que a xente faga uso do seu vehículo nos ámbitos nos que ten o seu comercio ou a súa residencia, pero pretendemos que iso estea supeditado ao dereito que teñen os peóns a pasear por eses espazos. Chama a atención que a quen máis preto tiña non tivera a inquietude de preguntar que se pretendía nese cambio de xerarquías.

«Rachouse con iso de que si non temos maioría absoluta hai que cambiarnos»

Está convencido de que nos vindeiros comicios municipais, en Ribeira presentarán a súa candidatura un amplo grupo de partidos e que será moi difícil que algún logre a maioría.

-A nivel de partido, ¿sente que ten respaldo para presentarse de novo ás eleccións ou pensa que estaban agardando a que, como anunciou, se marchara?

-Os meus desexos e os do partido non coincidían. O partido sempre quixo que eu fose o candidato. Nese sentido síntome apoiado. É normal que no propio concello puideran estarse buscando alternativas á miña persoa. O que teño claro é que para o PP, Ribeira sempre foi un referente. En algún momento por ser o maior concello que tiña o PP e, agora, porque pode presumir de que somos quen de gobernar en minoría e atender as lexítimas aspiracións de outros grupos ideoloxicamente distantes. Rachouse con iso de que si non temos maioría absoluta hai que cambiarnos.

-Tralos comicios dixo que posiblemente non soubo ler a mensaxe da cidadanía, ¿séntese máis apoiado agora?

-Cometín moitos erros. Non souben dicirlle á xente o que se estaba facendo e como se facía. Quizais aparecín coma unha persoa soberbia e distante, cousa que nunca fun. Non souben transmitir que mentres se facía un paseo marítimo tamén se estaba duplicando o gasto social. Pode que a xente pensase que as miñas prioridades eran distintas ás súas, pero son cousas perfectamente compatibles. Con fondos municipais, o gasto social aumentou por riba do 30 % e iso é compatible con outras actuacións sufragadas con cartos europeos. É posible que facer moito nun momento de crise e non saber vender que ese moito foi sen que houbera un detrimento na atención aos máis necesitados fose unha das miñas grandes lousas.

-¿Falta implicación social á hora de afrontar asuntos esenciais para Ribeira?

-Ribeira non pode seguir agardando que as solucións as tomen as Administracións e non involucrarse no seu pobo. Precísase un impulso e eu estou disposto a dalo. Hai que buscar un modelo de cidade que non só sexa atractivo para nós, senón que faga que moita xente queira vir a un lugar privilexiado pola natureza e que, sen embargo, segue sendo pouco acolledor fóra dos enclaves naturais. Todos temos que apostar por unha Ribeira máis emprendedora e de futuro.