Máis de vinte actividades lúdicas e culturais integran o programa deseñado polas concellería de Cultura e de Educación de Ribeira co gallo das Letras Galegas. Entre as máis destacadas atópase un certame literario para escolares que, nesta ocasión, chega á súa vixésimo quinta edición e que culminará o martes coa entrega de agasallos, un acto que incluirá a actuación de O Viravai. Concertos, sesións de contos e conferencias completan o cartel.
O conservatorio municipal sumarase á festa con concertos programados para os días 18, 26 e 31; mentres que as corais, tanto a municipal como a do Círculo Mercantil, actuarán este sábado na igrexa de Oleiros (20.00 horas) e o domingo, no auditorio ribeirense (19.30). A Rondalla de Aguiño completará o día 21 o cartel musical (auditorio, 19.00 horas).
Para o propio Día das Letras hai prevista unha gran festa con dous epicentros. Pola mañá, a Praza do Concello de Ribeira dará cabida a xogos populares e ao obradoiro literario Conto das letras; mentres que polas rúas da cidade actuarán Xoldra Rachada, Xiada e Arume. Pola tarde, Aguiño acollerá un parque de inchables, un obradoiro de debuxo e un espectáculo de maxia a cargo de Dani García.
A maiores, Henrique Monteagudo, doutor en Filoloxía e membros numerario da Real Academia Galega, desprazarase ata o centro cultural Lustres Rivas o día 24 para ofrecer unha conferencia sobre o escritor distinguido polo Día das Letras baixo o título Carlos Casares: un contador de historias.