José Manuel Vázquez: Un gardián para a historia do Son

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

MARCOS CREO

Prepara un libro que permitirá coñecer como era a vila mariñeira hai oito décadas

19 sep 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

A historia é esa peza clave que fai que un pobo loite por un futuro mellor collendo como punto de partida o seu pasado. Preservala e poñela en valor é fundamental para que as novas e as vindeiras xeracións coñezan as súas raíces e teñan sempre presente a forma de vida dos seus antepasados. Neste labor de recompilar e promover a historia, neste caso a de Porto do Son, está mergullado José Manuel Vázquez, máis coñecido como Queté. Faino incluso por partida dobre: como responsable do Marea, o museo da localidade dedicado fundamentalmente a recoller a transmitir a memoria das xentes do mar, e como coautor dun libro que verá a luz o vindeiro ano para facer posible realizar unha viaxe á vila sonense de hai 80 anos.

Como historiador que é, José Vázque amósase satisfeito e moi orgulloso destas dúas liñas de traballo que ten entre as mans, ás que hai que engadir a de profesor asociado da Universidade de Santiago de Compostela na especialidade de Patrimonio. Pasa moitas horas entre pezas que lle permiten rememorar épocas pasadas, todas elas cedidas por veciños do municipio. Esas doazóns conforman o eixo central do Marea, unha colección que foi a máis nos últimos tempos: «Conseguín sumar varios elementos, como unha maqueta dun barco mercante holandés, un reloxo antigo que foi mercado a finais do século XIX, libretas de marcas de pesca, unha gramola... pero non foron aínda expostos por falla de espazo, un dos problemas fundamentais que ten a sala».

Desde a súa posta en funcionamento, a finais do 2013, o museo recibiu preto de 10.200 visitas, unha cifra que Vázquez considera razoable, tendo en conta que se trata dunha instalación pequena, cunha exposición permanente e que ten como freo unha simbólica entrada de 2 euros: «É unha cantidade pequena e hai colectivos coma o de xubilados que acceden gratis, pero si é certo que hai xente que chega á porta e, ao ver que hai que pagar, marcha. Aínda está moi estendida a idea de que todo ten que ser de balde». Os turistas no verán e os nenos en período escolar conforman o groso da cifra de usuarios da sala. O historiador busca sempre espertar interrogantes na cabeza duns e doutros: «Penso que máis que responder preguntas, un museo ten que poder provocalas e, se eu o consigo, xa me dou por satisfeito».

Tesouros pendentes

No día a día no interior do Marea, José Vázquez trata de coñecer e divulgar o que hai detrás das pezas expostas, pois considera que esa historia é a que lles da valor: «Practicamente, todo o que hai aquí exposto podería mercarse a través de Internet, polo que, para min, o que vale destas pezas é a historia que encerran, a que conta a persoa que as cedeu». Gustaríalle que a colección seguira medrando coa incorporación, por exemplo, dun tabal, un recipiente de madeira no que antigamente se gardaban as sardiñas, ou cun traxe confeccionado con lenzo aceitado, que no pasado servía de roupa de augas no municipio: «Tiña moita sona en toda Galicia e mesmo se exportaba a distintas partes de España».

O museo Marea atesoura pezas que fan posible recrear boa parte da historia de Porto do Son, pero José Vázquez quixo afondar máis no pasado do municipio. Mergullouse na memoria oral e conseguiu recoller como era a vida cotiá, os xogos, a economía e outros interesantes aspectos da localidade alá polos anos 30. Xunto a Raúl Soutelo, deulle forma a un libro que será publicado o vindeiro ano: «É unha obra que pretende inmortalizar testemuñas moi valiosas. Sen a colaboración destas persoas non sería posible levar a cabo o proxecto». O volume apóiase nunha colección de instantáneas de Ramón Caamaño, un muxián que no ano 1933 foi chamado para fotografar o castro de Baroña, que viña de ser escavado, e que aproveitou a estancia na vila para realizar retratos e mesmo postais da zona.

A idea de José Manuel Vázquez é facer coincidir o lanzamento deste libro coa montaxe, no museo Marea, dunha exposición formada por elementos etnográficos da época.