Vén de publicar un libro sobre un accidente en San Xusto e a Santa Compaña
30 nov 2017 . Actualizado a las 05:00 h.Partindo de feitos reais, de grandes noticias ás que os xornais lles dedican páxinas e páxinas ou de singulares historias que acontecen preto da súa Noia natal, José Manuel Castro constrúe novelas que teñen unha gran dose de ficción. El é un escritor autodidacta, pero moi prolífico. Ten de feito 14 libros concluídos, aínda que só dous deles viron de momento a luz. O último, Las almas perdidas, vén de saír ao mercado da man de Calíope Editorial. Nas súas 270 páxinas agocha un relato de misterio que ten coma eixo unha das míticas lendas de Galicia, a da Santa Compaña.
Unha historia real, dun autobús que se precipitou por San Xusto nos anos 60, é o xerme desta novela. A partir dese tráxico suceso xorde un relato con visións, dons sobrenaturais e almas perdidas que regresan do máis alá para reclamar o que lles pertence. Aínda que José Manuel Castro non ten unha temática predilecta, asegura que a lenda da Santa Compaña sempre lle interesou: «Os relatos ao redor desas almas perdidas que quedan esquecidas e non van para o ceo nin para o inferno, senón que se van apoderando de outras almas chamáronme moito a atención. Neste libro incluín un personaxe moi potente e real, unha anciá, que lle contaba estas historias aos rapaces».
Pero o abano de temas que leva manexado o autor noiés ao longo da súa intensa traxectoria no mundo da literatura é moi variado: «O punto de partida da trama soe ser sempre un feito real, pero a partir de aí, a protagonista pasa a ser a imaxinación do narrador». Misterio, aventuras ou temática policial son outros aspectos que Castro leva tocado nos 14 libros que ten concluídos ata o de agora. Todos foron collendo forma ao longo das dúas últimas décadas: «Creo que a miña inquedanza pola escrita remóntase a cando era un neno e lía as historias do Capitán Trueno. Xa daquela soñaba con crear os meus propios personaxes».
O traballo, nunca compañía de telecomunicacións, levouno por outra senda, pero cando se xubilou decidiu ir ordenando as ideas e mesmo o feixe de notas que xa tiña plasmadas en papeis.
A punto de rematar o 15
No 2011, o noiés veu cumprido o soño de soster entre as mans o seu primeiro libro editado, El lago, unha historia de ciencia ficción que pretendía ser a primeira parte dunha triloxía, pero os outros dous volumes nunca chegaron a ver a luz. «Entrar nese negocio é tremendamente complicado», recoñece. Pero, lonxe de darse por vencido, seguiu ordenando pensamentos, escribindo e acudindo ás editoriais: «Cheguei incluso a presentar unha novela baseada no roubo do Códice Calixtino, El sexto evangelio, e xusto cando estaban barallando a posibilidade de publicala, apareceu o libro». Agora mesmo está a piques de rematar a número 15, unha historia de misterio e trama policial que parte dun tráxico feito real por todos coñecidos, o accidente do Yak-42.
Cheguen ou non os seus libros a estar á venta nas librarías, José Manuel Castro asegura que seguirá pasando horas e horas diante do seu ordenador para darlle forma a novos relatos: «O que me empuxa a escribir é a satisfacción persoal. Cando escribes xa non gozas só da túa vida, senón de centos de vivencias a través dos personaxes que creas na imaxinación». De tódolos libros que saíron da súa prolífica pluma, hai un que ao noiés lle gustaría ver editado, Los hijos del mal: «É unha novela de misterio que está baseada nun convento de monxas no que apareceron esqueletos de fetos».
Son moitas as páxinas que quere seguir enchendo de verbas. Argumenta que lle quedan historias por contar, algunhas vinculadas coa súa Noia natal: «Hai moitos feitos históricos que ocorreron aquí que perfectamente podían ser o xerme de interesantes historias. Un exemplo, o feixe de personaxes que había na Barquiña, onde estaba situada a primeira vila de Noia; ou, cando se trasladou á localización actual, e era un pobo amurallado. Teño moi bo material na miña terra».