Conseguiu reunir a 30 artistas galegos nunha mostra en favor da Creba
08 dic 2017 . Actualizado a las 09:23 h.Leva dúas décadas vinculada ao mundo da arte, coordinando exposicións en diversos espazos. Desde hai uns anos, Cristina Carballedo dota dunha programación estable ao hotel Virxe da Cerca de Compostela, no que amosan a súa obra creadores de toda Galicia. Estes contactos e o seu afán de colaborar cunha causa solidaria deron como resultado a mostra en favor da Creba que se exhibe esta tempada no coliseo Noela. A comisaria debullou en Radio Voz Barbanza o contido desta iniciativa.
-¿Como xurdiu esta liña de colaboración entre Cristina Carballedo e A Creba?
-Eu coñecía a unha persoa da asociación que, sabedora da miña ampla traxectoria como comisaria, me expuxo a posibilidade de montar unha exposición solidaria. A que está no coliseo Noela é a cuarta iniciativa deste tipo que levamos adiante nos dous anos que vimos colaborando. Consideramos que o Nadal é un bo momento de cara a que a xente poida facer un agasallo artístico. Tratamos de chamar a atención dos veciños con obras de diferentes disciplinas e un abano de prezos moi amplo.
-¿Como se consegue que 30 artistas se brinden a colaborar?
-Teño que dicir que boa parte deles están con nós desde que empezamos con esta iniciativa. Eles bríndanse a colaborar e elixen os traballos buscando pezas que se acomoden. Hai algún creador que se incorpora nesta ocasión, como Paco Pestana, Bego Tojo ou Fernando Barreira. Todos están encantados. Bríndanse porque saben que xuntos amosamos a cara solidaria da arte.
-Dicía que hai pezas para tódolos gustos e tamén para tódolos petos, ¿é así?
-Si, estamos falando de que quen merca un traballo leva unha obra orixinal dun artista profesional. A partir de aí, podemos dicir que hai marcadores de páxinas de Luisa Novais por 10 euros e gravados desta artista por 50 euros; esculturas en bronce de Óscar Aldonza en 75 euros; esculturas de Tino Canicoba en madeira en 150 euros... Boa parte destes profesionais levan máis de tres décadas traballando neste mundo. É o caso de Veiras Manteiga, que ten nesta exposición pezas por 200 euros. Tentamos coller un abano amplo. Hai fotos das praias de Portosín de Xabier Carrasco ou instantáneas de Pedro García Losada, un artista afincado en Noia. Hai gravados de Adrián Pandolfo por 20 ou 30 euros. Trátase de incentivar á xente a regalar arte solidario.
-Ou tamén a facerse un regalo a un mesmo.
-Tamén, é unha oportunidade xenial por exemplo para decorar unha casa. As obras de arte son para gozar, para elixir as creacións que a un lle produzan unha sensación especial. Creo que o tipo de público que podemos ter, como xa tivemos en outras ocasións, é moi diverso. Desde xente á que lle gusta o mundo da arte ata persoas interesadas en achegar o seu grao de area coa Creba. Chegan tamén moitos que nunca pensaron en regalar arte e se animan cando entran no coliseo.
-¿Merece entón a pena visitar esta mostra no coliseo Noela?
-Eu penso que si, e a xente que estivo na inauguración, onde fixemos unha especie de visita guiada, quedou moi satisfeita. Merece a pena porque hai obras moi interesantes, incluso para persoas que teñan coleccións de arte e estean interesadas en incrementalas. A mostra permite ademais ver o que se está facendo agora mesmo en Galicia no eido artístico.
-¿Haberá entón máis edicións no futuro?
-A idea é facer unha convocatoria anual. Os artistas poñen tódalas facilidades e o certo é que xa ten unha parte afectiva, pois xurdiu un vínculo especial coa entidade A Creba.
-¿Anima a mercar arte ese fin solidario da mostra?
-Evidentemente, a parte solidaria sempre chama a atención, porque hai xente interesada en colaborar e atopa aquí unha boa oportunidade.