Xurxo Gago: «Que os ecosistemas se alteren é un problema gordo para a nosa industria»

Álvaro Sevilla Gómez
Álvaro sevilla RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

CARMELA QUEIJEIRO

O pobrense reflexiona sobre o cambio climático, a conciencia social cara o medio ambiente e as batallas as que nos afrontamos

02 abr 2018 . Actualizado a las 15:14 h.

Definir a Xurxo Gago (A Pobra, 1981) é un auténtico reto. Doutor en Bioloxía e investigador na Universitat de Les Illes Balears (UIB), percorreu a Antártida e o Ártico para estudar o comportamento das plantas nos ambientes máis extremos do mundo. A súa relación directa co quentamento global levouno a publicar, da man da asociación naturalista Axena, o documental Alien plants looking for warmed poles, no que afonda nesta problemática. Cunha mirada global, comenta os retos naturais que afrontan Barbanza, Galicia e o mundo.

Fálenos da investigación no Ártico na que participou.

O Ártico é un lugar moi interesante. A pesar das condicións extremas existen 180 especies de plantas superiores. ¿Cómo sobreviven? O que buscamos é algunha que sexa moi produtiva e que ademais sexa moi tolerante ao estrés. É moi interesante para mellorar os cultivos. As patacas, por poñer un exemplo, están acostumadas, a producir moito, pero é o home o que labra, o que rega, o que quitas as herbas malas. O cambio climático vai facer que muden as zonas agrícolas, polo que é moi interesante coñecer as plantas que conseguen adaptarse aos cambios e que, ademais, poden producir a pesar do estrés e das condicións.

¿Que conclusións puido sacar nas súas viaxes aos polos?

O Ártico é o que se espera da Antártida en 100 ou 150 anos. Estase quentando, na zona onde estivemos nós, nas illas Svalbarg, a temperatura agora tiña que ser de 30 baixo cero e está a dez. Dende os oitenta perdeu un dez por cento de xeo. O oso polar, por exemplo, é unha especie que está sufrindo moito porque cada vez cústalle máis alimentarse.

¿Hai marcha atrás para o cambio climático?

Creo que non. O que se tenta é reducir e retardar os efectos, que sexan do menor nivel posible e que teñamos tempo a aclimatarnos. As políticas son insuficientes, aínda que se deron pasos moi grandes. Que existe o cambio climático é un evidencia.

Aquí pódese ver co fenómeno chamado «Galifornia».

Se pensamos na dependencia de Galicia do medio natural, que os ecosistemas se alteren é un problema gordo para a nosa industria. Está predito que as secas serán cada vez maiores, tanto no tempo como en intensidade. Agora vivimos catro meses fortes de choiva e oito sen nada.

A pesca, o marisqueo e a gandería son os máis prexudicados.

Aféctalle a todo o sector primario. Por exemplo, se as rías son tan ricas é por un fenómeno que se chama afloramento, no que entra vento de norte e arrastra a auga superficial das rías e entra a das profundidades, moi cargada de nutrientes, aínda que moi fría. Que a auga estea fría na praia é un indicador de fertilidade e riqueza. Se sumas os nutrientes e o sol tes unha das zonas máis importantes do mundo para o marisqueo.

¿Que pasos se deben seguir?

Que todos fóramos conscientes do que custan os recursos, como a luz, a auga, a calefacción, un plástico ou un papel. Son cousas pequenas, pero sumadas... Se nós facemos un uso racional imos provocar que os políticos tamén estean pendentes disto. Ás veces pensamos que só os de arriba son responsables, pero se nós temos un comportamento podemos esixirlle á xente que lexisla que tamén o teña en conta.

«A supervivencia da píllara depende de Barbanza»

Gago aproveita a entrevista para afondar en diversos aspectos do medio natural na comarca.

Hai unhas semanas publicouse que houbo una tala importante de carballos bicentenarios.

Creo que fallan a educación e os valores. É lóxico que a xente intente sacar proveito do seu entorno, pero ás veces o importante non é que cheguen cartos, senón que nunca che falte a auga. Iso tamén é rendibilidade. O pasado verán houbo lugares de Galicia que quedaron sen auga. Nunca pasara, pero seguramente os montes nunca estiveran tan mal como agora. Se onde antes tiñas unha carballeira agora hai unha toxeira, a auga evapórase. Nas zonas con bosque nativo iso é máis complicado, se hai carballos ou soutos queda na terra e filtra aos acuíferos, ás fontes...

¿Cal é a función de Axena na comarca?

Ademais de colaborar con moitas asociacións, intentamos informar de cousas que ocorren aquí, polo que a xente pode sentirse máis preto de valores medioambientais.

¿Cales son os retos que afrontan como equipo en Barbanza?

Esta comarca ten unha riqueza medioambiental tremenda. Con monte e mar, moita diversidade de flora e fauna, ademais de riqueza arqueolóxica, artística e histórica. É un punto moi especial. Agora estamos loitando pola píllara. Difundimos a súa importancia e creamos censos de poboación. É unha especie en perigo de extinción. A supervivencia da píllara depende de Barbanza. Máis da metade dos polos de toda Galicia nacen aquí. Se o logramos será un exemplo de conservación e de mostrar valores medioambientais.

Existen críticas dos bañistas.

Creo que falta información. A píllara é un valor engadido para todos. Que unha especie tan relevante, que está a piques de extinguirse, viva na túa praia dálle máis importancia. Eu creo que a xente está concienciada, pero prohíbenlle cousas sen explicarllas. O de non podes facer isto porque eu quero non funciona. Se a xente sabe o que ocorre, implícase. O que non pode ser é que os concellos usen as cribadoras para limpar as praias días antes de Semana Santa.

Supoño que dirán que é máis rápido e máis económico.

Volvemos ao de antes. Se as institucións non dan exemplo, ¿como van facer para que a xente cumpra coas normas e deixe a praia limpa?

¿Ocorre o mesmo no monte?

A nosa serra é unha marabilla natural. A maior ameaza é o monocultivo de eucalipto, cuxo plan de xestión non está ben regulado. O eucalipto pódese traballar, é viable, pero débese facer dunha maneira regulada que non cause prexuízos ao resto da xente.

Viñemos para falar do documental e queda para o final. ¿Que buscaba?

Compartir un traballo científico, ademais de ideas, obxectivos, paisaxes e entornas. Vemos o Ártico moi lonxe, pero todo está moi relacionado. Non vivimos illados do resto do mundo.