A bril é o mes máis literario por celebrarse nel os días mundiais da literatura infantil e xuvenil e do libro, e quixo ser nesta primavera chuviosa de letras cando Manolo Bragado anunciara que deixa a dirección de Xerais tras 24 anos de dedicación plena e farturenta para a nosa lingua. Un mestre de primaria que volta ás aulas para sorte do seu alumnado, pois levará unha bagaxe repleta de versos e palabras, de teatro, de novela, de prosa feita carne a través dos soños das escritoras e escritores que da súa man pasaron a engrandecer a literatura galega e universal.
Con Bragado tiven unha estreita relación ao longo de 12 anos grazas ao premio de Novela Curta Cidade Centenaria de Riveira, froito da cal puiden coñecer a un verdadeiro amante dos libros e unha xestión entregada en corpo e alma a poñer en valor a nosa lingua e a escrita como un estandarte da cultura galega. Unha triste nova para a literatura este voluntario adeus dun persoeiro único, alguén que sen dúbida debera ser recoñecido pola cultura ao igual que outros predecesores no campo editorial como García Sabell, Ramón Piñeiro ou Carlos Casares.
Continuará vinculado ao sector a través doutras funcións que sendo importantes non terán a fondura e transcendencia de dirixir a maior editorial do país, pero contribuirán sen lugar a dúbidas a seguir in crescendo o noso tesouro cultural. Editor, director xeral, presidente da Asociación Galega de Editores/as e do Culturgal e unha extensa traxectoria no campo editorial sementan o camiño deixado por Bragado a novos valores da creación, que agardo saiban coller o seu legado como un facho reivindicativo da verdadeira esencia literaria e do amor á nosa lingua. Só podo agradecer dende estas liñas todo ese traballo e agardar que a súa nova andaina en calquera eido cultural ou educativo sexa un éxito sendo sabedor de que o vai ser, pois todo o que Bragado toca, igual que o rei Midas, trócase en ouro, pero non no metal amarelo, senón na alfaia marabillosa que supón o nacemento dunha nova publicación. Boa singradura na túa nova aventura Manolo!