«No conxunto de Galicia non se chega ás cen parellas reprodutoras de píllara»
BARBANZA

Sitúa Ribeira coma o municipio estratéxico para tratar de conservar a especie
27 jun 2018 . Actualizado a las 05:00 h.Nos últimos veráns, varias praias de Barbanza presentan zonas valadas coas que se pretende garantir o futuro dunha especie que se atopa en perigo de extinción: a píllara. Manuel Mariño forma parte dun grupo de loita pola defensa deste animal, ao tempo que exerce de voluntario no plan que a Xunta elaborou para garantir a súa conservación. Mañá, ás 20.30 horas, intervirá no Ateneo Valle-Inclán de Ribeira, xunto coa investigadora María Vidal.
-¿Cal é o obxectivo desta xornada informativa?
-Empezaremos destacando o feito de que Ribeira é o principal municipio de Galicia para tratar de sacar a píllara da grave situación na que se atopa, polo número de praias de cría que hai. Logo, falaremos da problemática que ten esta ave e das claves para que saia desta situación de ameaza na que se atopa desde hai varios anos.
-¿É unha especie en claro perigo de extinción?
-Está en declive en toda Europa, pero nesta zona está en perigo de extinción, xa que no conxunto de Galicia non se chega ás cen parellas reprodutoras de píllara. Podemos considerarnos afortunados, xa que no territorio que vai desde Galicia ata Francia, por toda a costa cantábrica, xa desapareceu.
-¿Cales son os factores polos que a píllara escolleu Barbanza para reproducirse?
-Barbanza ten unha cantidade de praias que, aínda que están bastante degradadas en función do que sería o estado ideal, presentan unhas características bastante boas en comparación co resto de Galicia. Podemos falar de areais como Xuño, Aguieira ou Corrubedo.
-¿Por que o ten tan complicado este animal para saír adiante?
-A píllara é un animal que pon o seu niño nun furado da area na metade da praia, aínda que se chama das dunas, normalmente aniña na fronte do areal, tanto que moitas veces as mareas levan os niños. Os ovos teñen que quedar aí ao longo dun mes. A xente tamén pode pisar as estruturas ou seren pateadas polos cans. E cando nacen os polos, aínda peor, xa que ás poucas horas vanse pola praia adiante e tardan unha media de 28 días en voar. Imaxínense as numerosas incidencias que lles poden pasar neste tempo.
-¿En que punto se atopan agora dese ciclo?
-As píllaras empezan a poñer os seus niños no mes de marzo e os últimos, en xullo, así que estamos en época de cría. Os últimos polos poden comezar a voar incluso en setembro. Tódalas especies que crían no chan, polo xeral, perden moitos niños.
-¿Cales son as expectativas que hai para este ano?
-Queda por diante o último tramo da tempada, pero no que levamos de ano, bastante mal. Moito peor que o 2017, xa que tivemos un inverno moi malo, con subidas da marea que se levou niños en toda Galicia e con polos que naceron no medio de temporais.
-E agora que mellora o tempo, chega o aluvión de bañistas ás praias...
-Exacto. Se houbera un grupo de persoas reducido nas praias, non pasaría nada, ao contrario, serviría incluso para espantar a animais que poden ocasionarlle danos aos niños ou aos polos. O principal problema é cando a xente acode aos areais con cans, xa que provocan moitas perdas de crías. As píllaras téñenlle moitísimo medo aos cans e este ano constatamos un elevado abandono de niños por esta causa. Un día cheguei a contar en Xuño 20 cans soltos, nunha zona onde estaban criando catro parellas, e xornadas despois comprobei que un niño estaba esmagado, outro con dous ovos fora abandonado e había un ovo no medio da praia.
-¿En que consiste ese plan de conservación da píllara que está en marcha?
-Este plan foi aprobado no 2014 e comprende actuacións nas praias de cría cunha serie de limitacións para tratar de minimizar as perdas, tanto de niños como de ovos. Este decreto foi un gran avance, pero o seguinte paso é facelo cumprir e aí é onde se está fallando. A partir do 15 de marzo de cada ano non pode haber cans soltos nestas praias protexidas. Outra medida importante que está recollida e non se cumpre é que non se pode pisar a zona das dunas, que é onde os polos tratan de protexerse. Aprobado o decreto, estamos tentando que se faga cumprir, pero iso depende das autoridades, os voluntarios nese eido temos pouco que facer. Tamén está o perigo das máquinas de cribar, que eliminan toda forma de vida.