O histórico vapor Santa Isabel amarrará de novo en Ribeira

l. martínez / m.x.b. RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

cedida

Luis Crujeiras rematará no mes de outubro unha reprodución do buque naufragado en 1921

08 jul 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

A lista de naufraxios en augas da ría de Arousa é extensa, pero poucos se recordan na zona coma o do Santa Isabel. Deste buque, que se afundiu xunto á illa de Sálvora en 1921 e que deixou 213 mortos, pouco queda xa. Iso sábeo moi ben Luis Crujeiras, veciño de Carreira afincado nos Estados Unidos, que hai cinco anos emprendeu o reto de darlle forma a unha reprodución deste vapor a unha escala de 1,80 metros de eslora.

O reto era ambicioso. Sobre todo, tendo en conta a pouca documentación que existe sobre as dimensións do buque. «Só dispoñía do que se chama caderna mestra, a columna vertebral da construción, pero diso é moi complicado interpretar as medidas restantes. Tiven que buscar barcos da época similares á do Santa Isabel e toda esa información axudoume moito para chegar a este punto tan avanzado da creación da peza», explica Crujeiras. Pero esta non foi a única pedra que se atopou no camiño o ribeirense, que levaba 14 anos sen elaborar un barco a escala: «Perdes moita destreza. Foi como empezar de cero», afirma. Pero segundo engade, o groso do traballo está superado: «Só falta forralo e incluír os últimos detalles, polo que espero telo rematado para este mes de outubro».

Cinco horas ao día. Ese é o tempo que Luis Crujeiras dedica á construción desta maqueta dende o mes de xaneiro. Un traballo minucioso e, en ocasións, pouco agradecido. «Ás veces nese tempo non se adianta nada. Tes que esperar varios días, incluso semanas, para ver realmente algún avance», comenta o artesán. Esa esixencia explica a imposibilidade do autor para outorgarlle un valor máis alá do sentimental. «É moi difícil para min poñerlle un prezo ás miñas maquetas, sobre todo a esta do Santa Isabel. Eu diría que o seu valor é incalculable», afirma. O resultado deste traballo é, en boca do propio Crujeiras, impresionante: «Velo e pódeste facer a idea de cal foi a magnitude do naufraxio»».

Con este proxecto, Crujeiras pretende sustentar un recordo permanente do histórico afundimento do Santa Isabel na cidade de Ribeira. «Quería concibir unha peza que permitira que as xeracións que veñen saiban o que foi esa traxedia e o que significou para o desenvolvemento da súa vila», afirma o veciño de Carreira. El tamén quere que sirva como homenaxe para o centenario do afundimento, que se conmemorará en pouco máis de dous anos.

Acordo co Concello

Agora o seu maior desexo é que a reprodución do buque recale na súa vila natal. Así llo fixo saber no 2013 ao alcalde de Ribeira, Manuel Ruiz Rivas, e, en parte, foi a súa boa predisposición a que motivou o inicio do proxecto. «Comprometinme co rexedor a doar a obra. A cambio só pido que o Concello se faga cargo dos gastos de transporte desde Estados Unidos e que se firme un convenio para respectar os meus dereitos de autor», afirma Crujeiras, que asegura que o mandatario local lle reiterou fai unhas semanas o seu compromiso.

A esta petición, o artesán súmalle agora un desexo: que a súa peza forme parte dunha exposición permanente xunto con outros obxectos que se conservan do naufraxio do vapor: «Non me gustaría que esta maqueta comparta sala con obras similares. Non a fixen para competir ou comparar con outras, senón como tributo a unha vila exemplar e ás súas heroínas».

O Santa Isabel non será a última maqueta que constrúan as mans de Luis Crujeiras, que xa ten en mente o seu próximo buque. «Será outra embarcación cunha historia tráxica, xa que tamén acabou en naufraxio. Neste caso que tivo lugar na zona entre Aguiño e Carreira», confirma o artesán, que declara que xa ten «moitas ganas de empezar co novo proxecto». Espera que Ribeiras sexa tamén o seu destino.