
Un total de 65 artistas de todas as disciplinas confluirán no museo de Artes ao longo de dous meses
06 sep 2018 . Actualizado a las 05:00 h.Pintura, escultura, fotografía, gravado, instalacións... As principais manifestacións artísticas estarán representadas na exposición que mañá abrirá as súas portas no Museo do Gravado de Artes. Trátase dunha nova edición, a sexta, de Barbantiarte, a xuntanza máis grande de creadores da comarca. Nesta ocasión serán 65 os artistas que amosen os seus traballos nas instalacións situadas en territorio ribeirense.
Entre os nomes que contribúen a darlle forma a este gran escaparate creativo atópanse Manuel Ayaso, Veiras Manteiga, Manuel Romero, Olegario Sampedro, Soledad Penalta, Maralla, María Magán, Nuco Losada, Ricardo Dávila, Rosana Calvo, Pilar Ageitos, Lucía Romaní, Xerardo Crusat e Che Tembra, que por fin estreará unha particular réplica do Guernica na que leva tempo traballando.
O director do museo, Xoán Pastor Rodríguez, referíase a esta exposición como «a confluencia de miradas diversas, de sensibilidades diferentes, de realidade e soño, de formas e ideas, de xeracións». Sitúa Barbantiarte na liña de traballo que emprendeu o museo de Artes no 2012, abríndolle as portas aos creadores da comarca ou vinculados a ela.
A exposición, que permanecerá aberta ata o 7 de novembro, será inaugurada mañá, ás 20.30 horas, nun acto ao que está prevista a asistencia do presidente da fundación que xestiona o museo, Manuel Ruiz; do vicepresidente, Javier Expósito; da escritora e historiadora Aurora Marco, en representación de Barbantia; e da deputada Ánxela Franco. Será redondeado coa actuación musical do grupo Barahunda e cunha intervención artística a cargo do colectivo Sak.
Presentación literaria
A inauguración de Barbantiarte constituirá o arranque do Encontro de creadores e creadoras no Barbanza, que continuará o sábado, ás 12.00 horas, coa presentación do libro Pegadas sobre o papel. O gravado galego no Museo do Gravado á Estampa Dixital de Artes. Neste volume, Mirian Elena Cortés López mergúllase en parte dos tesouros que agochan as instalacións ribeirenses, dando conta da traxectoria de artistas como Manuel Ayaso, Manuel Facal, Emilio Celeiro, Alfonso Costa, Manuel Dimas, Leopoldo Nóvoa ou Luís Seoane.
Para a presentación deste volume está previsto que se dean cita no museo de Artes a escultora Soledad Penalta e o presidente de Barbantia, Manuel Cartea, entre outros.
Entrega do Atlante
E o vindeiro sábado haberá un novo acto importante no museo de Ribeira. Alí entregaranse os premios da novena edición do certame Atlante e abrirase ao público una exposición formada por unha selección dos traballos que concorreron. Está prevista a asistencia do conselleiro de Educación, Román Rodríguez, así coma do empresario Ramiro Carregal Rey.
Previamente, o padroado da fundación que xestiona o museo celebrará unha asemblea para analizar as liñas de actuación a emprender de cara aos vindeiros meses.