![](https://img.lavdg.com/sc/kTgkcCq-iz6K3BRV-6gdbNhI0jc=/480x/2018/10/10/00121539156360797959865/Foto/BO11C12F1_1.jpg)
Non quixo herdar a profesión de seu pai, pero acabou afeccionándose á fotografía
11 oct 2018 . Actualizado a las 05:00 h.Medrou coa cámara na man e, aínda que non quixo herdar a profesión de seu pai, a fotografía acabou por enganchar de forma irremediable a Juan José Agilda. Iso si, non emprega o obxectivo como ferramenta de traballo, senón para desenvolver a súa gran paixón. Froito desa afección é a exposición de instantáneas que esta tempada decoran as paredes da casa consistorial de Ribeira. Hai paisaxes, algúns solpores e moitos animais. As aves constitúen os modelos máis prezados deste veciño de Oza dos Ríos que atopou en Barbanza o lugar idóneo para nutrir a súa colección particular de imaxes.
Agilda tivo claro desde neno que a súa vida estaría estreitamente vinculada á fotografía. Era o maior de seis irmáns e tocoulle desde neno axudar no negocio familiar, pasando moitas horas encerrado no laboratorio: «Cando non estaba no cole estaba en Foto Agilda», lembra. Ata que con 14 anos deixou os estudos para dedicarse de cheo á empresa. Pero, co paso do tempo, tivo que tomar unha decisión: «En Oza dos Ríos non había mercado suficiente e decidín darlle un xiro radical á miña vida e preparar oposicións. Ao fin e ao cabo, a fotografía non era a profesión que eu elixira».
Converteuse en condutor da rama sanitaria, pero non foi o seu traballo o que o trouxo a Barbanza: «A miña muller preparaba tamén oposicións para a administración local e foi ela a que conseguiu unha praza en Ribeira». El estaba, e continúa na actualidade, desenvolvendo a súa profesión na Coruña, polo que o traslado a Santa Uxía pretendía ser temporal. Pero en canto chegaron á comarca barbancesa quedaron namorados do seu encanto a nivel paisaxístico e xa se estableceron aquí definitivamente.
Juan José Agilda atopou na zona paraxes que lle fixeron retomar unha relación coa fotografía que nunca rachara por completo: «Gústanme moito as ribeiras dos ríos, pero tamén o monte da Curota, sobre todo Os Forcados, un lugar cunhas vistas excepcionais». Comenta que é complicado decantarse por un punto concreto, aínda que recoñece que acode con moita frecuencia ao río Sieira, «unha zona onde a alta montaña se funde co mar», e tamén á lagoa de San Pedro de Muro: «Ten un miradoiro situado estratexicamente, que me permite fotografar gran cantidade de aves».
Paixón polas aves
Aínda que lle gusta a natureza en xeral, non dubida á hora de asegurar que os paxaros constitúen a súa gran paixón: «Desde neno sentín curiosidade por distinguir as diferentes especies e ver de preto o seu xeito de vida. As aves son moi rechamantes pola cantidade de cores que teñen e ao mesmo tempo supoñen un reto, xa que non é doado inmortalizalas axeitadamente, pois están en continuo movemento». Asegura que o seu soño é percorrer, cámara en man, o parque de Doñana ou viaxar a un país tropical, onde as aves se caracterizan polas plumas de intensas cores.
Á espera de ter a oportunidade de facer realidade eses soños, Juan José Agilda confórmase con seguir inmortalizando paisaxes, animais e momentos da terra barbancesa que o adoptou. Mesmo se vén de lanzar a amosar ese traballo que leva anos realizando: «Xurdiume a oportunidade de imprimir unha serie de instantáneas co apoio da comunidade de montes de Oleiros, coa que colaborei, e decidín aproveitala». Está satisfeito de terse animado a montar a súa primeira exposición: «Máis que nada, fago isto para que a xente admire a beleza que teñen a paisaxe e as aves de aquí, do seu contorno máis próximo, que ás veces pode pasar desapercibida».
A exposición. Juan José Agilda presenta, na casa consistorial de Ribeira, unha colección de instantáneas titulada «Fotografía na Barbanza». Está formada por medio cento de imaxes de paisaxes, flora e fauna.
Visitas. Os traballos deste fotógrafo estarán a disposición do público ata o 18 de novembro.