Os amigos empurrárono a exhibir unha serie de debuxos sobre a obra de Valle-Inclán
13 oct 2018 . Actualizado a las 08:44 h.Asina as ilustracións que esta tempada se poden ver na sala de exposicións do Museo Valle-Inclán da Pobra, traballos que permiten facer unha viaxe a través da obra do creador do esperpento e que mereceron as loas de persoas como Manuel Cartea, presidente de Barbantia; Antonio González, director da sala; ou do escultor e pintor Manuel Teira. Pero Domingo Regueira non se considera un artista: «Son un chafulleiro, xogo co lapis e consigo facer borranchos». Foi con este último termo co que quixo bautizar unha colección que mesmo se negaba a amosarlle ao gran público.
Escoitándoo, podería pensarse que Domingo Regueira fixo estes debuxos por casualidade ou que incluso pasou unha vida afastado do mundo artístico, pero nada máis lonxe da realidade. O certo é que loitou por desenvolver a súa paixón, por dedicarse á creación rexeitando traballos que lle podían ter resultado máis cómodos e rendibles. Foi na cidade coruñesa dos anos 70 cando o ribeirense comezou un idilio que nunca foi quen de romper. Daquela frecuentaba o estudio que tiña en Riazor o escultor Ricado Dávila Santos: «Alí xutabámonos para falar de arte un grupo de amigos que estabamos vinculados á Escola de Artes e Oficios Pablo Picasso».
O seu amigo, que xa daquela era un profesional recoñecido, dedicábase á decoración de locais comerciais e cando deixou Galicia cedeulle a Regueira a súa carteira de clientes. Atendeunos ata que lle xurdiu a posibilidade de converterse en mestre de debuxo. Aínda que podía ter optado por este traballo estable, non tardou en abandonalo: «Como din, os artistas somos un pouco bohemios. Decidín regresar a Barbanza e empecei a pintar acuarelas no tempo libre». Lembra que montou unha exposición no Círculo Mercantil de Ribeira e, aínda que vendeu un feixe de obras, era consciente de que vivir da arte era demasiado complexo.
Homenaxe ao mellor
Asegura que abandonou por completo o eido artístico para montar en Ribeira Estudio 20, pero quen o coñece sabe que mente. Doutro xeito, non se explicaría que os seus amigos descubriran a serie de ilustracións inspiradas en Valle-Inclán que gardaba na súa casa e case o obrigaran a amosárllelas ao público. É contundente á hora de explicar os motivos que o levaron a elaborar estes Borranchos: «Coma a todo o mundo, gústame o bo. Unha inmensa maioría dos escritores fabrican palla, pero Valle-Inclán ensina, leva ao lector por uns camiños metafísicos. É insuperable. Vivo e sinto a súa obra».
Do creador do esperpento, Domingo Regueira salta a outros clásicos como Risco, Castelao, Cuevillas e Bouza Brei para referirse a outra das súas grandes paixóns: «Ao igual que Valle-Inclán, todos eles foron pioneiros no eido da arqueoloxía». Este é un campo que o ribeirense domina á perfección, aínda que, coma no artístico, preferiu ficar nun segundo plano: «Teño feitos varios traballos; un deles, unha carta arqueolóxica do Barbanza». Explica que se trata dun documento no que aparecen reflectidos os vestixios que hai na zona, pero nunca se animou a publicala: «Fixen unhas copias para regalarlle aos amigos, o que pretendo é que se respecte o patrimonio». Si recoñece que contribuíu á investigación arqueolóxica do territorio de Ribeira con dúas publicacións que viron a luz a través do Concello: Petróglifos cruciformes, cruceiros e petos de ánimas e Ribeira desde as súas orixes.
Sobre os proxectos que ten enriba da mesa, pouco quere contar. Asegura que sempre está «facendo chapuzas» e comparte unha recomendación que acotío lle traslada á súa filla, a tamén artista Loli Regueira: «Sempre lle digo que ten que estar chafullando constantemente, deixando que sexa o pensamento o que leve a man a onde queira».
A exposición. A colección Borranchos está integrada por 36 ilustracións a tinta, todas elas inspiradas na obra e na vida de Valle-Inclán, así como en anécdotas sobre o escritor. Estará a disposición do público todo este mes no Museo Valle-Inclán da Pobra, no marco das xornadas de homenaxe ao autor.